Galegas 2016

Ana Pontón propón microcreditos a “xuro cero” para persoas emprendedoras e duplicar os fondos en I+D+i

Visita ao Fórum de Carballo
Visita ao Fórum de Carballo
  • A candidata do BNG  á Presidencia da Xunta, Ana Pontón visitou hoxe o concello de Carballo que puxo como  exemplo “do bon facer dos gobernos nacionalistas” con políticas innovadoras como o Fórum Carballo que ofrece formación e  oportunidades para a  creación de emprego nunha comarca cunha grave crise

Tras ser recibida polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e membros da corporación municipal, a  candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón visitou  o Fórum Carballo e participou nun encontro cos representantes da Asociación de Empresari@s no Polígono Industrial de  Bértoa aos que trasladou as “ propostas de creación de emprego e apoio do BNG  ao emprendemento”.

A nacionalista propuxo entre outras medidas, crear  microcréditos “a xuro cero” para persoas emprendedoras, duplicar os fondos en I+D+i e poñer en marcha naves nos polígonos industriais ao servizo de menores de 35 anos e mulleres “co aluguer gratuíto durante o primeiro ano se o proxecto empresarial no acada beneficios”.

Por outra parte, a candidata  defendeu un plan de investimentos con medidas que faciliten o crédito xa que ao ano, asegurou, emigran do noso país 15.000 M€ que son investidos fora. Dende o BNG, dixo, queremos ter instrumentos que canalicen a inversión pública e privada e por iso necesitamos ter “unha banca pública e como primeiro paso transformar o IGAPE nun Instituto de Crédito para financiar os proxectos empresariais”.

A herdanza de Feijóo é máis paro e precariedade

Para a candidata, Feijóo deixa unha Galiza “con máis paro, precariedade e menos innovadora”. Dende que goberna Feijóo existen 135.000 persoas ocupadas menos en Galiza, estamos na cola de investimento  en I+D+i do todo o Estado e a Unión europea e durante estes sete anos de Goberno Feijóo foron destruídas “a metade das empresas innovadoras”. Fronte a propaganda do Partido popular temos “unha grande crise industrial coa destrución de 11.000 empresas”.

Non faiaron as persoas os que faiaron foron os gobernos

A candidata avogou por abrir “un tempo novo” despois do 25 de setembro, que aposte pola calidade e a  innovación para poñer  a Galiza a producir  porque, explicou, temos riqueza e potencialidade para saír adiante e “non faiaron as persoas, os que faiaron foron os gobernos”. Nós, reiterou, temos confianza no noso país e coas medidas adecuadas podemos xerar emprego de calidade. O BNG ten un programa que defende que todos os galegos e galegas “podamos vivir con dignidade e do noso traballo no noso país.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG