- Parabeniza a Sánchez pero é escéptica sobre o beneficio real para Galiza: “A alternativa de cambio en Galiza non está no PSOE, está no BNG”
A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a situación “esperpéntica” que vive o Concello de Sanxenxo para contrarrestar os dous modelos opostos que representan o BNG e o PP tanto no urbanístico como no político á hora de entender como deben funcionar as institucións.
“Temos dous modelos que se contrastan con claridade: o de Sanxenxo do PP e o de Pontevedra do BNG, dous modelos de urbanismo e dous modelos de entender a democracia”, indicou Pontón, “nun temos un goberno a favor dos intereses de promotores especulativos e noutro un goberno que democratiza as institucións e son referente de calidade urbanística”.
Tras o fracasado intento de “asaltar” a Alcaldía de Pontevedra e botar por terra o legado nacionalista, o PP de Telmo Martín tentou regresar a Sanxenxo sen recibir tampouco o apoio maioritario da veciñanza, “razón pola que agora se perpetra este pacto a escuras e entre bambolinas para lograr a volta a Alcaldía e darlle luz verde aos intereses urbanísticos deste promotor”, denunciou.
Ante esta situación, Pontón pregúntalle a Feijóo se é así como pretende loitar contra a corrupción.
“É esta a maneira en que entende a rexeneración democrática e a loita contra a corrupción? Pregúntome se Feijóo e Rueda van apadriñar un novo pelotazo á democracia e se esta é a súa maneira de loitar pola decencia nas institucións políticas”, interpelou a portavoz do Bloque.
Pontón fixo un recoñecemento expreso ao traballo do grupo municipal do BNG, -“que non se venden e mantense fiel á veciñanza”-, e salientou que a formación nacionalista vai continuar pelexando “para que non se consolide este pelotazo á democracia e esta volta a un urbanismo depredador que enriqueceu a un puñado de persoas ao tempo que impediu que a maioría poda pagar o prezo dunha vivenda neste concello”.
“Queda tempo porque noutros grupos tampouco hai unanimidade neste cambio de asentos na Alcaldía”, concluíu.
Primarias
Preguntada polo resultado das primarias no Partido socialista, a dirixente do Bloque expresou o seu respecto pola decisión da militancia, parabenizou ao secretario xeral electo, pero amosou escéptica sobre os resultados prácticos para Galiza en cuestións claves para o país.
“Respectamos a decisión da militancia do PSOE e felicitamos a Pedro Sánchez e a toda a militancia porque pensamos que é moi saudable que as organizacións políticas se sumen ao que ven facendo o BNG desde o seu nacemento, onde son os e as militantes as que escollen aos seus dirixentes. É unha práctica moi saudable”.
“En todo caso, o relevante deste PSOE que volve a estar dirixido por Pedro Sánchez é se vai haber cambios en asuntos importantes para Galiza, se vai haber cambios no dereito das nacións a decidir, se vai a levantar o veto a creación dunha comisión de investigación polo accidente de Angrois no Parlamento galego ou se vai cambiar a posición socialista en temas como o espolio da AP9 ou o espolio enerxético para que podan beneficiarse a xente deste país?”, interpelou Pontón.
Estas son as “cuestións relevantes” que poden indicar se hai un cambio nesta volta dun Pedro Sanchez “que xa coñecemos do pasado”. Neste sentido, lembrar que foi “o fogo cruzado” entre PSOE e Podemos o que permitiu que hoxe goberne Rajoy, “e que o faga como se tivese maioría absoluta, porque non se derrogou nin unha soa lei das aprobadas polo PP e que son tan lesivas para a maioría social”.
Pontón foi clara ao asegurar o seu convencemento como nacionalista de que “a alternativa de cambio en Galiza non está no PSOE senón no BNG”, concluíu.
O rescate bancario, cuestión técnica como Ferroatlántica
En relación a situación de Ferroatlántica, Pontón considera que é unha decisión de tipo político. “A ningún galego e galega se lle escapa que se Núñez Feijóo non quere a segregación e venda das centrais do Xallas esta non se vai producir porque non hai ningunha lei que diga que a Xunta ten que cumprir os caprichos de Villar Mir, empresario investigado polo presunto financiamento ilegal do PP”.
Pontón, que preguntará a Feijóo na próxima sesión de control sobre este tema, considera que é unha decisión da que o presidente galego “non pode escapar”. “Hai un ano a Xunta dicía que baixo ningunha circunstancia ía permitir a segregación e venda, que cambiou? Eu non compro o argumento de que é unha cuestión técnica, tamén o rescate bancario se nos vendeu en base a razón técnicas, alguén o cree?”, alegou Pontón.