A portavoz nacional do BNG preguntou ao Goberno galego que vai facer co Centro de Bos Aires, “entidade centenaria construída pola emigración galega” e que na actualidade atravesa unha crítica situación que pon en risco a súa pervivencia cun hospital desmantelado, endebedado e un patrimonio cultural en perigo. Pontón reclamou á Xunta que se implique na busca dunha solución.
Para a nacionalista a perda do Centro Galego sería o “inicio do desmantelamento do patrimonio galego na emigración” e afirmou que é posible reflotalo se realmente existe vontade política. Neste sentido, preguntou se a Xunta ten previsto reclamarlle ao Goberno arxentino de Macri que non venda o hospital e o incorpore á rede pública.
HAI MOITO EN XOGO
“Está en xogo un hospital, está en xogo un legado cultural, histórico e simbólico fundamental” porque alí, explicou, está a habitación Museo onde morreu o histórico nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e conta cunha biblioteca con máis de 20 mil exemplares e a colección de pintura con obras de Castelao, Maside ou Colmeiro, así como o legado da editorial Edicións Galicia.
A nacionalista responsabilizou ás diferentes directivas do Centro da súa crítica situación á que sumou ao Goberno arxentino por unha xestión neglixente. Para a portavoz do BNG, “o actual goberno de Macri disparou a débeda e desmantelou o hospital cunha única intención, vendelo”.
Ademais, tamén a Xunta de Galiza é responsable da por decisións erróneas e polo intento de Feixóo de “controlar o centro” apoiando a un candidato que finalmente que non foi elixido e nese momento, comezou o castigo: Disolución da Fundación Galiza Saúde e a saída da Fundación Ospaña nun proceso escuro no que interveñen directamente, Alejandro López Dobarro, Delegado da Xunta en Arxentina, Santiago Camba, Exsecretario xeral de Emigración e Delegado da Xunta en Arxentina e o actual Secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, limitouse a culpabilizar da actual situación do centro galego aos diferentes xestores nomeados polo Goberno Kirchner. Pontón replicou que o problema de fondo foi “o abandono desta emblemática institución por parte do Goberno galego”, e reclamou o cumprimento do mandato do Parlamento para garantir o futuro do hospital e o legado da emigración galega en Arxentina.