“Temos que converter a inutilidade das forzas estatais na oportunidade de que Galiza volva ter peso político da man do BNG”, recalcou, tras destacar que o 28A ese obxectivo quedou “ao alcance das mans” e, por iso, fixo un chamamento para saír a por todas. “Quero pedirvos a toda a militancia e simpatizantes, a todas as persoas que pensan que Galiza necesita ter voz propia que nos poñamos as pilas, porque hai que saír a gañar este partido, porque non é un reto do BNG senón de país”.
A líder nacionalista instou a canalizar “o cabreo” pola repetición electoral nunha votación masiva nas urnas, “porque non é o momento da abstención senón da participación, o momento de facer algo diferente apostando polo Bloque porque non imos fallar. Unamos no BNG todo o voto en clave galega, en clave de progreso, porque nos estamos xogando o futuro”, apelou.
Un futuro “que nos están quitando desde Madrid” e iso ten responsables políticos, o bipartidismo PP-PSOE e as súas sucursais galegas: “os que din defender Galiza, os que din que nos traen cousas, pero en realidade levan a nosa riqueza”. Por iso, para un país con futuro “necesitamos organizacións políticas libres e a única forza libre que pode cambiar as cousas é o BNG”.
Hai que saír da irrelevancia política a que condenan Galiza as forzas estatais, -recalcou-, “e pelexar polo noso” como xa fan vascos, cataláns, canarias, valencianas, até os cántabros. “Nin PP, nin PSOE nin Podemos, -como comprobamos cando pactaron con Sánchez os peores orzamentos do Estado para este país en vinte anos-, defenden este país. O problema non é só que decidan por nós, e que deciden contra nós”.
“Contra o noso sector naval, contra o noso tecido económico, contra o noso sector industrial, contra as nosas infraestruturas. Non deixan títere con cabeza estes campións da aldraxe e da discriminación”, denunciou, e por iso hoxe hai miles de empregos en xogo no sector industrial, de norte a sur do país.
Neste sentido, Pontón lanzou unha mensaxe clara: “os deputados e deputadas do BNG condicionarán a investidura do próximo presidente a que haxa solucións para a crise industrial empezando por unha transición enerxética xusta e unha tarifa eléctrica galega, porque temos dereito a beneficiarnos da riqueza do país”. “Podemos ter peso político a partir do 10N se o BNG é decisivo e quen queira o noso apoio terá que cumprir con Galiza. Non lle vai saír gratis”, concluíu.
Planificación do monte
A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, insistiu en que de cara ás eleccións do vindeiro 10N é preciso falar “dos problemas que temos galegas e galegos” en lugar de discutir sobre a política madrileña. “Estas eleccións non van nin do futuro de Sánchez, nin de Casado, nin de Rivera”.
Estas eleccións deben ir, afirmou, de eliminar portaxes abusivas na AP-9 -cunha concesionaria que presume de que vai incrementando os seus beneficios ano tras ano-, xa que o Condado Paradanta é un dos territorios máis afectados pola “estafa”. No referente a infraestruturas reclamou solucións para o mal estado tanto da A-52 como da A-55, así como da N-120, onde existen claros problemas de seguranza viaria.
Tamén quixo sinalar a importancia dunha planificación axeitada do monte, un tema que na actualidade está a mobilizar á sociedade galega (o vindeiro domingo está convocada unha manifestación en Compostela). Lembrou que os concellos da comarca foron dos máis afectados nas vagas de lumes do pasado ano e afirmou que o BNG defenderá no Congreso un aproveitamento económico diversificado, sustentable e rendible dos montes galegos.