A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamoulle a Feijóo que escoite o “clamor social” expresado nas rúas de Compostela na manifestación convocada polos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica, que pecha as mobilizacións de toda a semana en contra do espolio das centrais dos ríos Xallas e Grande.
“Ten que escoitar o clamor desta mobilización e anunciar alto e claro que vai pechar o expediente de venda e dicir que non vai permitir que empresarios imputados por suposto financiamento ilegal do seu partido político como Villar Mir, acaben facendo caixa cos nosos recursos naturais”, salientou Pontón, que hoxe volveu acompañar ao persoal das plantas de Cee e Dumbria na marcha a pé entre Bertamiráns e a alameda de Santiago.
A dirixente do Bloque reclamou respecto para Galiza, “e o primeiro que ten que mostrar respecto con este país é Alberto Núñez Feijóo e deixar de agocharse detrás de palabras ocas e detrás de informes cando o resultado depende da súa decisión”, alegou, por iso, reclamou do presidente da Xunta “que escoite, que deixe de esconderse e dea a cara para defender a Costa da Morte, como reclamamos todos e todas as que hoxe estamos nas rúas de Compostela reclamando compromiso co emprego, coa comarca e co país”.
Pontón foi rotunda ao proclamar que Galiza non está “para pagar as mordidas do PP”, nin pode seguir vendo “como uns poucos utilizan os nosos recursos para facerse de ouro mentres nos deixan despedimentos, precarización laboral e contaminación”, indicou en relación a que a continuidade das plantas da multinacional de Cee e Dumbría dependen da vinculación entre explotación das centrais e explotación industrial.
“A Costa da Morte está aquí hoxe nesta manifestación dando unha nova mostra de dignidade e agardo que Feijóo escoite e se poña do lado que debe estar: do lado desta comarca e do lado de Galiza, e non do lado de empresarios madrileños imputados polo financiamento irregular do seu partido”, concluíu.