A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización masiva e a concentrar o apoio no BNG para que o 18-F non se perda ningún voto do cambio, alegou, e poñer en marcha un goberno capaz de darlle un futuro mellor ós galegos e ás galegas.
“Estamos nun momento decisivo porque estas son as eleccións máis abertas dos últimos catorce anos, porque hai unha corrente de cambio imparable arredor do BNG e porque podemos facer historia para que Galiza teña por primeira vez unha muller na presidencia coas mans libres para defender os intereses deste País ”, sostivo Pontón durante o acto de presentación dos cabezas de lista.
Neste sentido, fixo unha petición expresa de cara a cita coas urnas: “Dende a humildade, pídolle os galegos e as galegas un contrato de catro anos para construír unha Galiza en grande”. “Estou convencida de que o podemos facer mellor e de que podemos devolverlle a esperanza ás galegas e aos galegos”, agregou.
Un goberno liderado polo Bloque, proseguiu, servirá para poñer Galiza “no lugar que lle corresponde” despois de corenta anos nos que Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, que non foron capaces de facelo, sostivo. “A min ninguén me vai poñer límites dende Madrid para defender aos galegos e as galegas”, asegurou.
Convencida de poder darlle a Galiza “o mellor goberno da súa historia”, a portavoz nacional presentou aos cabezas de lista do BNG como “aval da capacidade que temos para gobernar”. Subliñou así a experiencia acumulada por Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense), Luís Bará (Pontevedra) e Mercedes Queixas (A Coruña) nos últimos catro anos cun traballo de oposición solvente e rigoroso, ofrecendo solucións e unha alternativa por cada crítica feita ás políticas do PP, que deixan unha Galiza peor da que encontrou.
Pontón destacou ademais que o BNG concorre ao 18F cunhas candidaturas integradas polos “mellores”, mulleres e homes “comprometidos co País e preparados para darlle a Galiza un futuro mellor dende a solvencia e o rigor”. Comprometeu, neste sentido, o “traballo e o esforzo” dos candidatos nacionalistas para “ilusionar e convencer” a esa maioría social que quere abrir un novo tempo” que “está máis cerca que nunca” se o voto do cambio “se mobiliza masivamente nas urnas da man do BNG”.
“O noso proxecto é de unión de todos os galegos e as galegas que queren construír un futuro mellor, que saben que o PP representa o pasado e que o BNG é o futuro, pero que saben, sobre todo, que en Galiza ten que haber un cambio” porque, resaltou, o País “nin pode seguir perdendo nin pode seguir retrocedendo” .
No acto de presentación, Mercedes Queixas, que secunda a candidatura pola Coruña, avanzou que a lingua, a cultura, o talento, a creación, serán bandeira do goberno liderado por Pontón. “É agora o momento de avanzar cara unha nova Galiza sostida nos pulsos dun futuro en igualdade para a lingua e a cultura galega, para sempre irmos da súa man”, manifestou.
A cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, subliñou que o proxecto do BNG está feito para “poñer aos galegos e as galegas no centro”, con propostas que buscan garantir “o dereito a vivir vidas dignas, teñamos a idade que teñamos e sexa cal sexa a nosa orixe”. Blindar os servizos públicos, facer da Xunta un goberno feminista, poñer ás persoas no centro das políticas serán, destacou, eixos na acción dun goberno liderado por Ana Pontón.
A número un por Ourense, Noa Presas, amosouse convencida de que Galiza terá tras o 18F “o mellor goberno da súa historia, capaz de aproveitar todo o potencial e o talento do País, convertendo nunha oportunidade o momento de transformacións que vive o mundo”. Igualmente, avogou por impulsar o desenvolvemento económico e o emprego de calidade. Presas referiuse á cohesión e ao reequilibrio territorial como eixos do goberno liderado por Pontón, “para que toda Galiza avance á mesma velocidade”.
Luís Bará, cabeza de cartel por Pontevedra, falou do cambio climático como un dos grandes retos e subliñou que non vale o ‘ecopostureo’ do PP, que ten demostrado que goberna en coalición coas empresas do Ibex e facendo unha profusa utilización do perverso mecanismo das portas xiratorias. Destacou que tras o 18F o BNG vai poñer no centro da súa acción de goberno o coidado ao medio e a política ambiental cunha nova axenda urbana, rural e natural “para situar a Galiza na vangarda en materia ambiental”.