Valoración dos Orzamentos da Xunta

Ana Pontón: “Os orzamentos de Feijóo son desilusionantes, sen ambición de país”

anaorzamentos
Ana Pontón valorando os orzamentos da Xunta

Como “desilusionantes” cualificou a voceira do BNG, Ana Pontón, os orzamentos presentados por Alberto Núñez Feijóo para o ano 2017. Pontón lamentou que as contas consoliden o “modelo de desigualdade e a precariedade que se impuxo coa crise e que carecen de ambición de país”. 

“Son a proba de algodón da falta de ideas novas e de esgotamento do Goberno Feijóo que inicia unha nova lexislatura sen folgos”, sinalou Ana Pontón para quen o PP “non ten ningún Plan para Galiza e carece de novas ideas e do novo impulso que merece este país”. 

As cifras, segundo dixo, contradín o “luminoso rótulo de expansivas”  e mostran que os orzamentos “medran menos que os que agora se pechan e prevén un menor crecemento económico, o que implica consolidar os recortes en servizos públicos e prestacións sociais, seguir instalados na precariedade laboral, na emigración e nunhas elevadas taxas de paro, como acaba de deixar en evidencia o dato de novembro. Segundo a portavoz nacionalista, os recortes aplicados en anteriores exercizos non se reverten cos “incrementos tímidos e insuficientes” das novas contas. 

Submisión a Rajoy

Ademais, Ana Pontón lamentou a “submisión de Feijóo ao Goberno Central que é un mal negocio para Galiza”. Lembrou, neste sentido que os orzamentos podían incluír 60 millóns de euros máis, que non están previsto no teito de gasto aprobado no Parlamento porque o presidente da Xunta “non pelexou porque a maior capacidade de endebedamento tivera que ser para as comunidades autónomas”. 

Segundo a voceira do BNG, as contas de Feijóo non servirán para crear emprego, nin para o retorno da xente moza emigrada, nin acabarán cos repagamentos e os recortes en sanidade e educación nin reactivarán os sectores produtivos do país. Anotou tamén que as contas mostran a desatención do goberno de Feijóo en políticas de igualdade, ámbito  no que non se reverten os fortes recortes efectuados e que, segundo Pontón, tiña que ser un tema prioritario. 

Expansiva, a débeda

Para Ana Pontón, o único “expansivo” dos novos orzamentos da Xunta sé a partida destinada á débeda pública  que se incrementa en 224 millóns de euros, un 14%., co que se destinan un 17% do orzamentos.

En cambio, lamentou que a “a cultura e a normalización lingüística seguen as ser as cincentas dos orzamentos” con 64 millóns de euros que “non representan nin a metade do que se orzamentaba no 2009 e, no caso de lingua, con menos de sete millóns de euros, tres veces menos”. 

Tampouco responden as contas da Xunta, segundo Pontón, á dinamización económica do medio rural anunciada por Feijóo, “o destinado increméntase nuns escasos 5,5 millóns de euros, un 1,7%. Isto é, menos do incremento medio”.

Ademais, a Ana Pontón cualificou de escaso o incremento de  I+D+i xa que, ao seu ver, era necesario “cando menos, duplicar a contía dos orzamentos para o presente ano”. O BNG propón destinar a  135 millóns de euros a I+D+i fronte aos 4,7% consignados no proxecto presentado pola Xunta. 

O BNG, anunciou a súa voceira, tratará de “mellorar” o proxecto de Feijóo e esixirá no Pleno a aprobación dun plan de choque para a mellora dos servizos públicos, un Plan retorna orzado con 90 millóns de euros, duplicar o previsto para  I+D+i, un Plan de loita contra a pobreza e incrementar de maneira substancial o destinado a igualdade. 

Comisión de investigación para as Caixas 

Ana Pontón anunciou tamén en roda de prensa que o BNG reclamará no próximo pleno a creación dunha comisión de investigación sobre a venda das Caixas galegas. “Cos novos datos existentes cremos que é insuficiente o ámbito de investigación e demandamos saber que pasou e quen se beneficiou no proceso de venda”, dixo. 

O tema da AP9 volverá ao pleno do Parlamento da man do BNG que reclamará a necesidade de que se poda tramitar a proposición de lei que se aprobou por unanimidade polos grupos con representación da cámara galega coa reclamación da retirada dos reparos por parte do Goberno Central e que se axilice a súa tramitación. A iniciativa recolle manifestar a oposición ao investimento de miles de millóns de euros “no rescate de autoestradas madrileñas cando se nega para a poboación galega”. 

O BNG reclamará tamén no vindeiro pleno a posta en marcha do Plan Retorna, unha iniciativa urxente xa que, segundo sinalou “no goberno Feijóo marcharon “200.000 persoas, case a metade menores de 35 anos e xa non se pode mirar para outro lado cun tema que afecta a tanta xente”. 

O grupo nacionalista denunciará o “uso partidista dos fondos destinados para depuración e saneamento das augas” a través dunha pregunta na que se recolle o dato de que “57 dos 66 convenios de Auga de Galiza son con concellos gobernados polo PP”. 

Con carácter de urxencia, o BNG introduce no pleno os incumprimentos dos anuncios de PEMEX que, segundo dixo, “demostran que Feijóo utilizou os contratos de maneira partidista e resultou que só chegaron migallas con respecto aos anuncios feitos”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG