A portavoz nacional, Ana Pontón, reafirmou en Lugo a posición “moi clara” do BNG respecto do proxecto de Altri en Palas de Rei, do que dixo é “unha bomba ambiental” que “non podemos permitir baixo ningunha circunstancia” que se instale “no corazón do rural galego”.
Pontón advertiu que, vista a documentación presentada pola propia empresa, o proxecto “non deixa de ser unha macrocelulosa” que vai ter un “impacto contaminante moi importante” e que “vai afectar dunha maneira clara e directa a miles de postos de traballo que xa existen na comarca”, vinculados fundamentalmente ao desenvolvemento agrario do País.
“Cremos que as empresas que non queren en Portugal porque son contaminantes e supoñen graves problemas para esas zonas non deben instalarse en Galiza”, explicou para recalcar a continuación que “non queremos unha nova macrocelulosa que vai destruír non só un modo de vida” en toda a comarca da Ulloa e que vai afectar a miles de empregos no interior do País, senón que “tamén afectaría a miles de postos de traballo” na desembocadura do río Ulla, a unha ría de Arousa da que viven máis de 4.000 familias.
Neste sentido, a portavoz nacional quixo reafirmar de igual xeito o apoio e acompañamento do Bloque “a toda a mobilización e oposición que hai neste momento en contra dunha macrocelulosa que supón unha bomba ambiental no corazón de Galiza”.
A líder nacionalista tamén se pronunciou sobre o futuro de Alcoa na Mariña luguesa e recalcou a necesidade dunha intervención pública para asegurar o mantemento da actividade e o emprego da factoría.
“Levamos demasiado tempo vendo como se retrasa unha medida que é unha medida legal e a única garantía que temos de que esa fábrica de aluminio primario siga funcionando”, advertiu para reclamar unha intervención pública que “non só depende da SEPI, senón na que “tamén a Xunta ten que dar un paso adiante e participar”.
Pontón mostrou a preocupación do BNG ante a actitude das distintas administracións, tanto estatal como galega, “tanto o PP como o Partido Socialista”, que “bailaron máis ao son que marcou Alcoa e menos ao son que demandaban os seus traballadores e traballadoras e de toda unha comarca que está reclamando que eses postos de traballo non se perdan porque son clave non só para o futuro da Mariña, senón tamén do conxunto da provincia de Lugo e de Galiza”.
Logo de lembrar que o Bloque xa advertira dende o principio que a multinacional tiña a decisión tomada para o futuro da empresa “que non pasa por seguir producindo” na factoría mariñá, a líder nacionalista rematou cuestonando por que son posibles intervencións públicas para outras compañías como que a do Estado en Telefónica “e ese mesmo criterio non se aplique no caso dunha empresa estratéxica para Galiza como é Alcoa”.
Pontón realizou estas declaracións en Lugo, onde anunciou unha ofensiva institucional do BNG, tanto no Parlamento galego como no Congreso e o Senado, así como nas institucións europeas, para mellorar e modernizar as infraestruturas ferroviarias de Lugo e o conxunto da provincia, logo dunha reunión con distintos colectivos económicos, sociais e sindicais lucenses na que tamén participaron o tenente alcalde da cidade, Rubén Arroxo, e as deputadas Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel.