Ana Pontón, na homenaxe a Ánxel Casal, convida "a abrir un tempo novo da man do BNG"

Ana Pontón na homenaxe a Ánxel Casal

 

Rubén Cela reivindica o legado do alcalde asasinado no 1936 a favor da autoorganización do pobo galego para avanzar na súa soberanía

 

Ana Pontón na homenaxe a Ánxel Casal

O BNG organizou ao pé da que fora a imprenta Nós un acto de homenaxe a Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Santiago de Compostela asasinado no franquismo. Ademais das intervencións da portavoz nacional, Ana Pontón, e do portavoz municipal, Rubén Cela, actuaron a Requinta de Xián e a actriz Tero Rodríguez, cun monólogo sobre María Miramontes, integrante das Irmandades da Fala e muller de Ánxel Casal. A seguir, dirixíronse ao pazo de Raxoi para pendurar a bandeira deseñada por Castelao co lema “Denantes mortos que escravos”.

Comezou Ana Pontón cunha lembranza ás persoas que sufriron a represión da ditatura franquista, “a vida de Casal foi un compromiso ético a prol de Galiza, fiel ao nacionalismo e á defensa da liberdade porque entendeu que tiña que achegar un grao de area á divulgación da nosa cultura no só co seu traballo político no Partido Galeguista senón para que o libro galego existise”, dixo. Recordou o labor de costura de María Miramontes, “unha muller nacionalista, feminista e comprometida”, que actuou como “mecenas da cultura” e foi a peza clave para que moitos dos proxectos de Ánxel Casal saísen adiante.

“Nunca se pode construír un futuro para a nosa nación dende o esquecemento, por iso no BNG queremos manter viva a memoria e a historia deste país”, afirmou. O nacionalismo galego asume como primeira necesidade conseguirmos un cambio de rumbo para Galiza, porque ten que ser o centro das nosas preocupacións sen mirar a Madrid, para construírnos como forza propia e como pobo sen dependencias alleas, proseguiu a portavoz nacional. “A política madrileña non nos pode ofrecer nada aos galegos e ás galegas, levamos un ano a ver como os catro magníficos –en referencia a Rajoy, Sánchez, Iglesias e Rivera- ofrecen a mesma política de sempre e Galiza está muda na política estatal”. “Por iso no BNG queremos unha Galiza con voz, con voto e con dereito de veto cando se fale dos intereses do noso país”, engadiu.

Así, convidou “a abrir un tempo novo da man do BNG, que aposte por un autogoberno real, por un novo modelo financiamento para que os nosos impostos non emigren e se utilicen para evitar os recortes na sanidade e na educación, onde apostemos pola igualdade entre homes e mulleres e por poñerlle fin á lacra contra a violencia de xénero, con igualdade de oportunidades para a xente nova, para darlles traballo neste país e un futuro digno, para poñer Galiza a producir”.

Pola súa parte, Rubén Cela, explicou que a gran lección de Casal deixouna na súa acción política co Partido Galeguista, porque era consciente de que a autoorganización do pobo galego “era a única posibilidade real coa que contaba Galiza para avanzar na súa soberanía porque nunca viría de fóra, nin de ningunha sucursal, a solución aos problemas da nosa nación”.

“Antonte lembramos a Galiza Mártir en Pontevedra”, explicou Rubén Cela, “e agora o asasinato a mans do fascismo de Ánxel Casal, tal día como hoxe hai 80 anos e con el lembramos a Compostela Mártir: a quen sufriu desterro, aldraxes ou torturas, a quen padeceu traballos forzados construíndo o aeroporto de Lavacolla ou a quen padeceu en silencio a violencia menos visíbel, pero non por iso menos dura, como Coralia e Maruxa Fandiño Ricart, as Marías”. “Lembramos os fusilados en Boisaca e os abandonados sen vida, nas gabias de toda a comarca; Casal foi un deles”, engadiu.

Deste xeito, indicou que a Casal o mataron “por defender inquebrantábelmente as súas conviccións: a defensa de Galiza e dos seus dereitos nacionais, a democracia, a liberdade e unha sociedade máis xusta e igualitaria”. “Por ser nacionalista, por non renunciar á construción dunha patria galega libre e xusta”, explicitou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG