A portavoz nacional, Ana Pontón, destaca que o BNG ten toda a vontade de negociar co Goberno de Pedro Sánchez os orzamentos do Estado para 2023, pero que hoxe non contan co apoio da formación nacionalista porque non dan un trato xusto a Galiza.
“A día de hoxe o proxecto de orzamentos do Goberno central non pode ter un si do BNG porque Galiza recibe un trato inxusto, co investimento estancado mentres outras comunidades teñen incrementos substanciais, como Andalucía (2,3%), Cataluña (3,5%), Valencia (5%) ou Madrid (13,4%), e non podemos permitir unha nova discriminación e un trato que ignora as necesidades do País”, explicou Pontón.
Para a portavoz nacionalista hai ademais un feito a ter moi en conta, que os investimentos orzamentados quedan sen executar nunha parte significativa ano tras ano. “De xeito sistemático, o que está no papel non pasa á realidade o que supón unha dobre discriminación cos galegos e coas galegas”, denunciou.
O proxecto presentado por Moncloa ten tamén clamorosas ausencias de proxectos estratéxicos para Galiza, en particular no referente a infraestruturas, “como a saída sur ferroviaria desde Vigo para conectar con Portugal, rematar o Eixo atlántico e darlle unha conexión modernizada por tren entre A Coruña e Ferrol, poñer en marcha un servizo ferroviario de proximidade que conecte á Galiza interior ou concluír dunha vez a rexeneración integral das rías galegas”, citou a modo de exemplos.
O Bloque demanda tamén que se cumpra o compromiso de tres novos xulgados específicos para a loita contra e violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense.
Son algunhas das razóns polas que, a día de hoxe, “o BNG non pode dar o seu apoio aos orzamentos do Estado, porque discriminan a Galiza no reparto do investimento territorializado, pero tendemos a man para ter unha negociación que permita incluír estes proxectos nos presupostos xerais e, igualmente, que se fagan realidade porque son necesidades que ten o País”, concluíu.