A portavoz nacional do BNG, e candidata á presidencia da Xunta de Galiza Ana Pontón, insta á Xunta a exercer as súas competencias e iniciar un plan de choque “específico” para protexer ás residencias públicas e privadas de maiores con probas masivas e material de protección para o persoal e persoas usuarias.
Para a portavoz nacional do BNG, a situación detectada en Celanova pon de relevo unha realidade en Galiza moi diferente ao resto do estado e “non vale dicir” que a situación nas residencias galega “non é tan mala como a doutros territorios”, ese, para Pontón, “non é un argumento nin xustifica o que está sucedendo”. O BNG, xa advertiu, “da especificidade dunha poboación moi envellecida en Galiza” polo que urxía un plan de choque con probas masivas e reparto de material de protección para os traballadores e traballadoras das residencias. Non se pode tardar tanto en reaccionar nin tampouco se xustifica o “traslado de responsabilidades entre a Xunta e o goberno do Estado” polo que volve a reclamar do goberno galego o exercicio das súas competencias para actuar con urxencia. Requirimos da Xunta que tome en serio o que está acontecendo nas residencias de maiores e non abandone a un colectivo dos máis vulnerables ao coronavirus. “Xunta e goberno central deben coordinarse” e a Xunta debe “intervir as residencias privadas” para evitar que residencias públicas e privadas sexan un foco de extensión do coronavirus.
Máis protección sanitaria para que o sistema non colapse
A portavoz nacionalista mantivo hoxe dous encontros con representantes dos servizos sanitarios e socias por videoconferencia aos que trasladou o agradecemento polo importante labor que están a facer para “coidar da nosa saúde e das persoas maiores”.
Este traballo, afirma resulta fundamental contra unha crise “sen precedentes como a do coronavirus” e mostrou, outra vez o seu “orgullo” por contar con profesionais con tanta humanidade e calidade en Galiza.
Plan de contratación “digna” para a sanidade pública
Tras analizar diversos aspectos da crise cos representantes sanitarios e de Servizos sociais, Pontón asegurou que é necesario que a Xunta “multiplique os seus esforzos” e insistiu en que resulta clave garantir de EPIs a todo o servizo sanitario para que o sistema “non colpase”. O BNG propón máis compras directas e que o tecido produtivo galego, que non realiza labores imprescindibles, intensifique a produción de material de protección sanitaria.
Por outra parte, Pontón recalcou que é preciso “contratar máis persoal na sanidade pública” en “condicións dignas” e non con contratos por horas ou días. Desgraciadamente, dixo, a emerxencia sanitaria irá a máis e “non podemos precarizar ás persoas que nos están coidando. Nesta liña puntou que é necesario poñer en marcha “un Plan de contratación garantindo a calidade das condicións laborais”.