Ana Pontón insta a sumar arredor do BNG para darlle un futuro mellor a Lugo e a Galiza

Concelleiras e concelleiros do BNG de Lugo
Concelleiras e concelleiros do BNG de Lugo
 “Sen vós non estariamos aquí”, proclama, destacando que Rubén Arroxo é quen hoxe representa ese legado dun Bloque capaz de mellorar a vida da xente  desde os gobernos municipais

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na cea homenaxe aos concelleiros e ás concelleiras que formaron parte das distintas corporacións municipais de Lugo en representación do BNG, acto que aproveitou para pedir sumar arredor da formación nacionalista, tanto nas eleccións municipais de maio como nos comicios galegos.

“É necesario sumar forzas arredor dun BNG que demostra cada día ser a opción sólida, leal e construtiva para mudar Lugo e para mudar Galiza”, afirmou logo de agradecer todo o compromiso e todo o traballo aportado ás persoas homenaxeadas. “Se non fose por vós está claro que non estariamos aquí e, por iso, o meu recoñecemento  a todas e cada unha das persoas que construíron este proxecto, - que acaba de cumprir os seus corenta anos de historia-, e que nos permitiron chegar ata aquí”, incidiu.

Pontón destacou a capacidade transformadora do BNG en Lugo da man de Rubén Arroxo, que volve ser cabeza de listas na próxima cita coas urnas. O actual tenente de Alcaldía liderando o grupo nacionalista dentro do Goberno municipal converteu ao Bloque no “verdadeiro motor da cidade, cunha xestión eficaz, construtiva e transformadora para mellorar a calidade de vida da veciñanza desta cidade”.

“Gústame dicir que unha das marcas do BNG nos concellos é que a súa acción deixa pegada e iso sábeno ben os concelleiros e concelleiras que hoxe estades aquí, as que formastes parte do goberno nalgunha ocasión e tamén as que, desde a oposición, fixestes unha política construtiva a favor da maioría”, argumentou, para remarcar que  o modelo municipal do Bloque tamén o construíron as persoas homenaxeadas.

A líder nacionalista destacou que ese modelo foi posto en marcha por concelleiros e concelleiras, ao longo e ancho de Galiza, marcando un camiño que todas e todos os nacionalistas senten con orgullo. “Esa mesma capacidade de transformación en positivo  é a que caracteriza a política municipal desenvolvida polo equipo de Rubén Arroxo, que encabezará de novo a candidatura do BNG en Lugo”, explicou Pontón.

“Estamos nun concello que mellorou a vida das persoas, no que é máis fácil camiñar, no que se gañaron espazos públicos para o desfrute da xente, no que se desenvolveu un proceso de humanización que Rubén continuará desde a Alcaldía de Lugo a partir das vindeiras eleccións”, augurou a líder nacionalista.

Neste sentido, Pontón destacou que as próximas municipais son unha “grande oportunidade para continuar o camiño andado e desenvolver o proxecto do Bloque con máis amplitude, para ben das persoas que viven e traballan en Lugo, xerando novas oportunidades de futuro no económico, no social, no cultural”.

A portavoz do Bloque subliñou o importante papel das concelleiras e os concelleiros no obxectivo de abrir un tempo novo en Galiza, porque desde os concellos demostran o que o BNG poder facer para o conxunto de Galiza. “Os concellos BNG son o mellor espello, a mellor carta de presentación de que estamos preparados para liderar Galiza. A todas e todos vós, grazas polo voso traballo”, concluíu. 

Rubén Arroxo afirmou que, cun BNG que cada vez está máis forte, “temos que continuar loitando por mellorar a vida das galegas e galegos”, e convidou a todas as persoas asistentes ao acto e á veciñanza de Lugo “a participar en en dúas mobilizacións que terán lugar nos vindeiros días, e que serán importantes para conseguir melloras na calidade de vida de Lugo e de toda Galiza”, en referencia á concentración convocada polo BNG para o vindeiro martes 22 en Lugo, reclamando un tren digno para Lugo, que se celebra ao tempo que se están a debater as emendas aos orzamentos do Estado no Congreso e á manifestación nacional convocada polo BNG o vindeiro 18 de decembro en Compostela, que baixo o lema non é unha crise de prezos, é unha estafa reclama medidas efectivas e urxentes para poñer fin á inflación.

“O BNG naceu para gañar e ser forza hexemónica en Galiza, nacemos para transformar o noso País e darlle unha vida mellor aos galegos e galegas", afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. “Celebramos o 40 aniversario do BNG en plena forma, e co horizonte en darlle unha alternativa real aos galegos e galegas, un cambio galego liderado polo BNG”, afirmou a Portavoz Nacional do BNG, que engadiu “o cambio comezará en Lugo no 2023, con Rubén Arroxo como alcalde liderando un proxecto sólido e que xa está a demostrar melloras na cidade”.

Listaxe de concelleiras e concelleiros do BN-PG e do BNG entre 1979 e 2022

  • Mandato 1979-83 (BN-PG: 2 concelleiros/as): Manuel Castiñeira Castiñeira e Francisco Arrizado Yañez. Os resultados foron anulados por irregularidades no proceso electoral.
  • Xestora municipal entre xuño e outubro do 1979, con representación nominal dos partidos (BN-PG: 2 representantes): Dolores Varela Salgueiro e Xosé Miranda Ruíz.
  • Eleccións Municipais 2 de outubro de 1979 (BN-PG: 2 concelleiros/as): Manuel Castiñeira Castiñeira (concelleiro entre 1979 e 1982) e Ramiro Gayoso Neira (concelleiro entre 1979 e 1982), que foron substituídos por Xabier Rodríguez Rodríguez (1982-83) e Carme Fernández García (1982-83).
  • Eleccións Municipais 26 de maio de 1991 (BNG: 2 concelleiros/as): Xoán Carlos Carreira Pérez (conceleiro e portavoz entre 1991 e 1996) e Branca Rodríguez Pazos (concelleira entre 1991 e 2003 en distintos mandatos)
  • Eleccións Municipais 28 de maio de 1995 (BNG: 4 concelleiros/as): Xoán Carlos Carreira Pérez, Branca Rodríguez Pazos, Fernando Branco Álvarez (concelleiro entre 1995 e 2005), Marcos Cela Fernández (concelleiro entre 1995 e 2004) e Xosé Anxo Laxe Suárez (concelleio entre 1997 e 2011 en distintos mandatos).
  • Eleccións Municipais 13 de xuño de 1999 (BNG: 6 concelleiros/as): Branca Rodríguez Pazos, Fernando Branco Álvarez, Marcos Cela Fernández, Xose Ánxo Laxe Suárez, Ignacio Rodríguez Eguíbar (concelleiro entre 1999 e 2003) e Xosé Cuba Rodríguez (concelleiro entre 1999 e 2003).
  • Eleccións Municipais 25 de maio de 2003 (BNG: 3 concelleiros/as): Branca Rodríguez Pazos, Fernando Branco Álvarez e Marcos Cela Fernández, que foron substituídos por Xosé Anxo Laxe Suárez, Neves Núñez Delgado (concelleira entre 2005 e 2007) e Antonio Somoza Caxato (concelleiro entre 2005-07)
  • Eleccións Municipais 27 de maio de 2007 (BNG: 4 concelleiros/as): Xosé Anxo Laxe Suárez, Antón Bao Abelleira (concelleiro entre 2007 e 2013 en distintos mandatos), Paz Abraira Sobrado (concelleira entre 2007 e 2015 en distintos mandatos), Cristina Ferreiro López (concelleira durante os mandatos 2007-11 e 2011-15) e Xosé Chorén Vázquez (concelleiro entre 2007 e 2011).
  • Eleccións Municipais 22 de maio de 2011 (BNG: 2 concelleiros/as): Antón Bao Abelleira e Paz Abraira Sobrado. Cristina Ferreiro López entou en substitución de Antón Bao.
  • Eleccións Municipais 24 de maio de 2015 (BNG: 2 concelleiros/as): Rubén Arroxo Fernández e Maite Ferreiro Tallón.
  • Eleccións Municipais 26 de maio de 2019 (BNG: 5 concelleiros/as): Rubén Arroxo Fernández, Maite Ferreiro Tallón, Alexandre Penas Roibás, Cristina López Fernández e Felipe Rivas Jorge.
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG