Galegas 2020

Ana Pontón insta a “facer historia” o 12X e abrir un tempo novo cun Goberno de país liderado polo BNG capaz de darlle futuro a Ourense

Acto Ribadavia
Acto Ribadavia
Noa Presas: “Imos inclinar a balanza petando no corazón de todas as persoas que queren un cambio galego e abrir un tempo novo nesta provincia”

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o acto coa militancia en Ribadavia para pedir unha mobilización masiva nas urnas a todas as persoas que queren abrir un tempo novo da man do BNG o 12X, para deixar atrás a Galiza “minguante” de Feixóo e poñer o país en marcha. Un cambio galego que está ao “alcance da man”, proclamou, se hai esa mobilización masiva entorno á candidatura “que máis ilusión xera e que teño a honra de encabezar”.

Tras recalcar que a enquisa que conta é a das urna, Pontón manifestou o seu convencemento de que os datos indican que hai partido e o BNG sae a por todas para ganalo: “o 12 de xullo Galiza pode facer historia dando paso a un goberno de país que faga valer os intereses dos galegos e das galegas e que teña á fronte, por primeira vez a unha muller nacionalista”, proclamou.

“Fago un chamamento a todas as persoas que queren cambio real a sumarse a onda do cambio galego que cada día vai a máis e que o fagan da man do BNG, porque temos un proxecto solvente, de futuro, porque non imos fallar e porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, no seu potencial e no seu futuro”, salientou.

Acto RibadaviaEn Ribadavia, Pontón instou á veciñanza a mobilizarse nas urnas o 12X para cambiar o rumbo do concello e da comarca do Riberio “apostando por un goberno de país, que faga valer os intereses da provincia de Ourense e que traballe a reo para darlle un futuro ao concello de Ribadavia e ao conxunto da comarca do Ribeiro, explotando todo o seu potencial económico e produtivo, aproveitando a súa situación de proximidade con Portugal e priorizando sectores punteiros nesta comarca como o vitivinícola ou o termal”.

O BNG, explicou a candidata á Presidencia da Xunta, presenta un programa de goberno que permita facer da provincia un lugar no que vivir e traballar, con benestar social, aproveitando todo o potencial de Ourense.

No plano económico e de creación de emprego: Considerar o medio rural como un sector estratéxico desde o punto de vista económico, social e de preservación do territorio, favorecer unha relación comercial que permita rendas xustas para os produtores con contratos homologados fixando prezos mínimo, defensa dun rural do século XX, que aposte pola I+D+i e pola transformación dos produtos agrogandeiros para xerar valor engadido e máis renda. Igualmente, aposta polo comercio local, afondar no potencial turístico e reforzar o sector vitivinícola, fundamentais para reactivar a economía da provincia.

No plano dos servizos sociais: reverter os recortes e reforzar os hospitais comarcais e no das infraestruturas, activar esta provincia pasa tamén por darlle unhas comunicacións do século XXI cun servizo de tren moderno con prezos e horarios competitivos.

Candidatura que suma ilusión e apoios

A candidata á Presidencia destacou que o BNG é unha forza política a alza: “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós, se nos facemos valer, cada vez máis xente está farta da Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”. “O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta”, concluíu.

Pola súa parte, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, convidou a pisar o acelerador nas semanas que quedan por diante, e insitiu na mesma petición de mobilización nas urnas, convencida de que “petando no corazón de todas as persoas que desexan abrir un tempo novo” o BNG inclinarán a balanza cara o cambio político que precisa o país. “Hai que rematar co caciquismo, a corrupción e a falta de vergonza e humanidade e o antídoto é máis nacionalismo, máis BNG” asegurou Presas.

Propostas para a comarca do Ribadavia

Así mesmo, a candidata indicou que o PP atópase debilitado e nervioso “porque sabe que en Ourense están cambiando as cousas porque só gobernan en Ribadavia e en Ourense porque mercaron a golpe de cheque a quen dicía que ía acabar con Baltar”.

A cabeza de lista quere poñer fin a unha década de abandono da comarca do Ribeiro e de chantaxe ao Concellos. “O que fai a Deputación faino a Xunta de Galiza: once anos esperando para a solución do arsénico en Castrelo, o centro de día de Cenlle, unha atención primaria digna en Ribadavia, persoal para o museo” enumerou as promesas incumpridas polo PP. “Se algo sabe facer o BNG é traballar e enfrontar as dificultades, temos proxecto e confiamos na capacidade de superación do noso pobo” afirmou Presas.

Presas concluíu destacando que o BNG ten un proxecto político ambicioso para cambiar o rumbo desta comarca, cunha alternativa que está contrastada para o desenvolvemento do medio rural e poñer fin ao abandono da terra e apostar na incorporación de novos produtores. “Non imos prometer unha fábrica de coches en Melón pero si ordenar o solo industrial e aproveitar a proximidade a Vigo e Portugal, non imos prometer festivais á esgalla pero si potenciar o noso patrimonio e a nosa cultura”, afirmou Presas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG