Na celebración do 1º de Maio, Día do Traballo, a portavoz nacional do BNG lembra que estamos vivindo unha situación de excepcionalidade marcada por unha crise sanitaria aparellada a unha grande crise social e económica e neste contexto, urxe “derrogar as reformas laborais” que precarizan o emprego. Para a nacionalista é necesario poñer en marcha “un gran acordo de país” para saír da crise cunha alternativa económica que aposte por crear emprego de calidade.
Ao longo destas semanas, explica Pontón puidemos constatar como o emprego máis precarizado foi o emprego máis importante para enfrontar a crise e a maior parte dese emprego ocupado por mulleres no ámbito sanitario, nos supermercados ou no ámbito da limpeza e coidados.
Unha das leccións desta crise é a urxencia de rematar coa precariedade neses segmentos laborais e esta perspectiva debe centrar “todos os grandes acordos” que a partir de agora se van a producir. Estamos ante un primeiro de maio excepcional e ante unha situación de confinamento pero non podemos permitir que tamén se “confinen os nosos dereitos”. Hai que traballar nunha alternativa social para superar a crise do coronavirus e facelo confiando e apostando polas posibilidades e potencialidades que ten Galiza.