A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou que o BNG en ningún caso vai apoiar un “goberno de retroceso” de Alberto Núñez Feijóo, pero incidiu tamén en que “se Sánchez quere o voto do Bloque ten que gañalo cumprindo con Galiza”. Dirixíndose directamente ao líder do PSOE, subliñou que non haberá “cheque en branco” para a súa investidura: “Con Galiza todo, sen Galiza nada”, asegurou.
Pontón fixo estas declaracións tras unha reunión da Executiva nacional e cargos institucionais convocada para analizar a situación política nun contexto marcado pola formación do Goberno do Estado e no que “hai moito en xogo”, con debates estratéxicos de gran calado, como o financiamento autonómico ou o modelo territorial, dos que Galiza “está desaparecida, sen posición propia de País, porque Rueda está de brazos caídos, convertido nun simple telonero de Feijóo que sempre, sempre, pon os intereses do PP por diante de Galiza”.
Nese contexto, o Bloque ten claro que non apoiará a investidura de Feijóo porque “en Galiza coñecemos ben o desastre das súas políticas, que deixaron o País peor, con menos sanidade, menos industria, menos xente moza e menos servizos públicos”.
Mais un goberno alternativo á dereita terá que ter en conta a axenda galega se quere o apoio do BNG, que na pasada lexislatura xa conseguiu fitos históricos como a rebaixa das peaxes da AP-9 e a posta en marcha do dragado da Ría do Burgo ou da electrificación do tren entre Lugo e Ourense. Fronte aos outros 23 deputados galegos no Congreso que seguen o ditado de Madrid, “quen marca a diferencia a favor deste País é o BNG”, que “non se conforma” e volverá a poñer “toda a forza” dos seus escanos no Congreso e no Senado ao servizo de Galiza, manifestou Ana Pontón.
Unha nova etapa que na Galiza está condicionada tamén pola próxima convocatoria electoral e o “avance imparable do cambio, cun BNG preparado para disputarlle a hexemonía ao PP liderando o próximo goberno da Xunta e defendendo ao País sen ataduras madrileñas”.
“É tal o servilismo de Rueda a Madrid que mesmo vota en contra do uso do galego no Congreso”, criticou a portavoz nacional, para quen o feito de que o presidente da Xunta estea en contra de que a lingua dos galegos e as galegas se poida utilizar con normalidade “é algo tan vergoñento que non ten parangón”, unha evidencia máis de que actúa como “peón da estratexia de crispación que dita Feijóo”, como demostra tamén que vaia ir de “figurante” á manifestación convocada polo PP de Madrid. Pontón anticipou a repetición da foto de Colón de quen “se empeña en negar que Galiza existe, coa súa lingua, a súa cultura e como nación histórica”
Propostas concretas para problemas reais
O BNG quere atender aos problemas que preocupan á xente, e por iso na reunión da Executiva abordouse tamén a situación de crise que está a provocar a inflación disparada, o importante incremento de prezos en bens de primeira necesidade ou a “cruel, inxusta e disparatada” nova subida dos tipos de interese, “un novo mazazo para os 175.000 galegos e galegas que teñen unha hipoteca”.
“As familias e a clase traballadora pagan unha vez máis a crise mentres a banca se forra”, criticou a líder do BNG, que reprochou ao Banco Central Europeo que, coa bendición dos Estados, “cargue contra a xente do común que apenas chega a fin de mes e ten que soportar unha suba nas hipotecas de até 3.000 ou 4.000 € ao ano”.
A portavoz nacional acusou ao Goberno do PP de manterse de “brazos cruzados” ante a delicada situación que viven miles de familias que agora afrontan ademais o inicio do curso escolar “máis caro da historia”. “E por riba, votan en contra das propostas do BNG”, que vén de pedir no Parlamento a creación dun cheque de até 500 euros para gastos en libros de texto e material escolar.
Co mesmo obxectivo de axudar ás familias, anunciou que o Bloque tamén proporá unha modificación orzamentaria urxente con medidas como a reactivación da tarxeta básica, e solicitará a creación dun fondo de rescate hipotecario sufragado nun 75 % pola banca e que, na práctica, supón fixar un tope nos intereses, explicou. Un fondo que beneficiará ás persoas con ingresos por debaixo do salario medio do Estado (26.832 euros) obrigadas a destinar máis do 30 % dos seus ingresos a pagar a hipoteca.
“Rueda ten que deixar de arrastrar os pés nesta crise e ten que deixar de ignorar os problemas que lle quitan o sono á maioría social deste País. Menos traballar para Feijóo e máis traballar para Galiza”, salientou respecto á inacción da Xunta do PP.
Un novo status político de nación
Neste inicio de curso político, Pontón tamén adiantou algunha das propostas do BNG para os grandes debates estratéxicos que están tendo lugar. Neste sentido, avanzou que pedirá o desbloqueo da comisión parlamentaria de financiamento, que se reclamen todas as transferencias pendentes para avanzar no autogoberno e acabar coa “seca” de 14 anos do Goberno do PP, e que se negocie “un novo status político de nación para Galiza, para non quedar atrás mentres Euskadi e Cataluña avanzan”.
“Cando falamos autogoberno falamos de ter as ferramentas para dar máis benestar aos galegos e as galegas e por iso o BNG quere camiñar con paso firme nesta dirección”, salientou.
Pontón rematou cunha reflexión sobre as conclusións da xuntanza do Ecofin en Santiago e, neste sentido, advertiu de que “a volta á austeridade non é o camiño”, como xa se demostrou coa crise do 2008. “É unha receita fracasada que só vai traer máis recortes, máis desigualdades sociais e territoriais e que vai comprometer a resposta aos grandes retos que temos por diante, como a transición enerxética”, concluíu.