A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu no Congreso a transferencia da AP9 argumentando a importancia estratéxica para Galiza desta vía que cruza o país de norte a sur por estrada, pero cuxas peaxes son unha “estafa legalizada” que soportan os 22.000 galegos e galegas que a usan a diario, peaxes que lastran a economía das persoas e das empresas do país. “É hora de ter unha AP9 galega e libre de peaxes”, proclamou na súa intervención.
“Para que se fagan una idea, unha traballadora que viaxa entre Santiago e A Coruña 21 días ao mes, e son miles neste suposto, gasta 294€ en peaxes, un 16% do salario medio bruto en Galiza, cifra que fala por si soa. Imaxinen agora que viaxan en coche de Madrid a Vigo. Son 603 km polos que pagarían 13€ en peaxes, se unha vez alí deciden ir A Coruña, cando cheguen terán desembolsado 17€. Como é posible que 150 km sexan máis caros que recorrer 603?”, interpelaba Pontón a modo de argumentación no debate.
A AP9 é unha infraestrutura capital para Galiza, pero as súas tarifas son desorbitadas e é a única autoestrada da súa xeración que ten a concesión máxima de 75 años, até 2048. As demais son gratuítas ou o serán moi pronto. E está situación, subliñou Pontón, non é froito do azar senón de decisión políticas dos gobernos do Estado, tanto do PP como do PSOE.
“A historia da AP9 é a crónica dunha discriminación con Galiza, a historia dun saqueo que nos ten costado miles de millóns de euros en peaxes. Acabar con esa discriminación e con esa estafa é o que está detrás desta petición de transferencia, como punto de partida para que a AP9 pase a ser o que sempre debeu ser: una infraestrutura ao servizo dos galegos e das galegas, e non ao revés”, declarou Pontón.
Pontón citou algunhas das decisións políticas que desembocaron nun prexuízo para Galiza que dura décadas. “En 1994, Felipe González, con Josep Borrell de ministro de Fomento, tivo a xentileza de ampliarnos a concesión dez años, até 2023. De no ser así, hai oito años que poderíamos circular libremente por esta vía. E no 2000 foi José María Aznar quen tivo a xentileza de ampliar a concesión 25 años máis e, como guinda, privatizar a autoestrada á prezo de saldo”, explicou.
Como consecuencia, Galiza ten 219 quilómetros de autoestrada que figuran entre os máis caros de toda a rede estatal e coa concesión máis longa. En mans de Itínere, recadou 153 M€ en 2019, unha media 420.000 € diarios. “As tarifas son ruinosas para as persoas usuarias, pero son un maná para os fondos voitre que están detrás da concesión”, denunciou a portavoz do Bloque, tras salientar que o custe de construción está más que amortizado cunha recadación de 3.115 M€ desde a súa apertura.
“Por iso desde o BNG pedimos a transferencia como primeiro paso para acabar cunha discriminación histórica pero, -subliñou Pontón-, esa transferencia debe realizarse libre de cargas. Queremos una AP9 rescatada, igual que se rescataron as radiais madrileñas con miles de millóns por parte del Estado. Xa é hora de ter unha AP9 galega e libre de peaxes”, proclamou.
E tendo en conta que é a segunda vez que o Congreso toma en consideración a Lei de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP9, o Bloque entende que o actual período de sesións e tempo suficiente para a aprobación definitiva da lei e, polo tanto, da transferencia da autoestrada, e así o avanzou Pontón. “Despois de 41 años, sete meses e seis días pagando, debe empezar a conta atrás para para facer realidade esta demanda”, alegou.
Pero mentres a tramitación non conclúe, a líder nacionalista instou ao PSOE a cumprir o acordo de investidura asinado co BNG, no que figura unha rebaixa das tarifas sen precedentes e a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, cunha partida nos orzamentos do Estado de 54,9M€.
“Aproveito esta tribuna para lembrarlle ao Partido Socialista o acordo co BNG e que esas rebaixas históricas pactadas seguen pendentes porque o Goberno do Estado está incumprindo o seu compromiso, non co BNG, senón con Galiza”, recalcou, “o señor Pedro Sánchez non está facendo esperar ao BNG, senón a cidadanía galega que cada día usa a AP9 e esperaba que o PSOE no actuase como o PP. Os acordos son para cumprilos e o presidente Sánchez no está cumprindo con Galiza. Cumpran o firmado e deixen de facer esperar os galegos e ás galegas”, demandou Pontón.
Anos de debate até vencer o veto do PP
A líder nacionalista finalizou a súa intervención compartindo unha reflexión: a de que a AP9 é un exemplo de agravio do Estado con Galiza e dunha xestión feita en contra dos intereses da xente do común.
“A AP-9 é un símbolo de dous atropelos. O primeiro, a discriminación histórica co noso País, e representamos a convicción de que Galiza ten que xogar outro papel dentro do Estado que recoñeza o seu status de nación. O segundo, un símbolo de como os gobernos de Madrid xestionaron de costas aos intereses da cidadanía en beneficio das multinacionais e dos fondos voitre. Está na súa man, señorías, acabar con estes dous atropelos”, concluíu.
Unha vez votado no Congreso a toma en consideración, a lei galega seguirá o seu curso, despois de tres intentos que se traduciron noutras tantos textos lexislativos do Parlamento galego, todos eles impulsados e presentados polo BNG e defendidos pola portavoz nacional, até lograr superar o durante anos pertinaz veto do PP. A transferencia da AP9, como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes, está agora máis cerca e sería tamén a primeira transferencia en doce anos de Goberno de Feixóo.