Ana Pontón "Feixoo non completou a vacinación nas residencias e lanza a pantasmada de vacinar toda Galiza en dous meses”

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica que poña a economía por riba da saúde, cando a única maneira de salvar a economía e controlando a pandemia

Espera que o debate da transferencia da AP-9 sexa o primeiro paso dunha autoestrada galega e libre de peaxes

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu á cidadanía que extreme as precaucións posto que os datos seguen mostrando unha pandemia descontrolada en termos de contaxios, hospitalizados e UCIs ocupadas, e sendo xaneiro o segundo mes con máis falecementos, -369-, desde o inicio da crise.

Neste contexto, a líder do BNG insiste en pedir un confinamento de dúas semanas para cortar os contaxios e salvar vidas á espera  de que a “esperanza” da vacina chegue a maior parte da poboación e se poda conseguir unha inmunización colectiva. Por iso, Pontón demanda da Xunta un plan de vacinación detallado, con persoal, medios e estratexia e critica que, en lugar de presentar ese plan no Parlamento, o presidente da Xunta se dedique a facer “autombo”.

“É imperdoable que Feixóo use a pandemia para facerse autobombo, máxime nun tema tan sensible como a vacinación. Estamos vendo como nun mes aínda non foi capaz de completar a vacinación nas residencias, -40.000 persoas entres usuarias e traballadoras-, pero leva días coa pantasmada de que pode vacinar 2,7 millóns de galegos e galegas en dous meses”, denunciou.

“Unha frivolidade que use a falta de subministro das doses para insistir na súa pantasmada, escondéndose detrás dese problema, é como seu eu digo que se hoxe se celebrase unha maratón estaría en disposición de ganala sabendo que non se vai celebrar e  polo tanto que máis da”, alegou.

Para a dirixente nacionalista, a vacinación é unha cuestión capital para derrotar á COVID e non pode ser utilizada de xeito oportunista, “para facer anuncios propagandísticos mentres que no Parlamento seguimos sen saber nada do plan de vacinación da Xunta”. Pontón tamén convidou a valorar o feito de que o antídoto a unha pandemia estea nas mans dunhas multinacionais farmacéuticas que se rexen polo lucro en detrimento da saúde.

A portavoz do BNG recriminou ao xefe do Executivo que “poña a economía por riba da saúde”, como ven de confirmar na entrevista de La Voz de Galicia, “e esa é a razón pola que non solicitou ao presidente do Goberno do Estado un confinamento pese a estar no peor momento da pandemia”. Pontón reiterou que  é falsa a dicotomía economía-saúde e que a primeira non se recuperará mentres non se controle o virus.

En referencia ao debate da Lei de transferencia da AP-9, que mañá se debate no Congreso, a nacionalista espera sexa o definitivo e que a transferencia pase a ser unha realidade canto antes para ter unha AP-9 “galega e libre de peaxes”. Desde o BNG “imos coa expectativa de que a lei sexa aprobada despois de tantos anos pelexando por esta cuestión, e agardo que todo se faga coa máxima celeridade para poñer fin ao que consideramos é un auténtico agravio con este país”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG