Na súa pregunta ao presidente da Xunta sobre a actual situación do idioma galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón acusou a Feixóo de “facer un escrache” á lingua galega durante todo o seu mandato. “Se aínda somos galegas é por obra e gracia do idioma. Ter lingua propia é unha riqueza”. Pero vostede, dixo preferiu debilitar o noso idioma. “Chegou á Xunta a cabalo da grande mentira da imposición e leva todo o seu mandato facéndolle un escrache á nosa lingua”, reiterou.
Para a portavoz nacionalista, a política lingüística do PP está a provocar graves consecuencias que sitúan o galego como única lingua do Estado que perde falantes, non ten un xornal diario, prohibe ensinar matemáticas e ciencia, reduce a edición de libros e propio goberno recoñece que en educación infantil, “o galego está excluído en máis do 90% das escolas nas cidades”.
Estes datos, enfatizou Pontón, “déixano en mal lugar e desmontan a súa estratexia de botarlle a culpa ás familias, cando é vostede, e só vostede, o responsábel de dinamitar os acordos e os consensos e favorecer o monolingüísmo en castelán”.
A súa política, “non é nin bilingüismo, nin cordial, nin harmónica”. A nacionalista manifestou que o BNG non está só na denuncia do “escrache ao galego”, dinllo tamén desde Queremos galego, os sindicatos do ensino, os movementos de renovación pedagóxica, as universidades, o Consello da Cultura e a Real Academia Galega.
Pontón botou man dun informe da propia RAG para constatar que desde o ano 2010 a presenza do galego na escola “retrocedeu até índices do anos 90”, ademais, a institución tamén denuncia a forte presión dunha crecente parte da cidadanía para abandonar o galego e adoptar o castelán.
“Están vulnerando o propio Estatuto”, afirmou Pontón, un Estatuto que prevé avanzar cara á unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán.
O BNG INSTA A FEIXÓO A RECOMPOÑER O CONSENSO
Tras denunciar a estratexia do goberno contra o idioma galego, a portavoz do BNG instou a Feixóo a recompoñer o consenso. A nós válenos o Plan Xeral de Normalización XNL de 2004. E a vostede? preguntou.
Está disposto a derrogar o decreto contra o galego? Está disposto a recuperar o apoio ao libro galego, a cumprir a Lei do libro e da lectura que aprobamos por unanimidade? Está disposto a que as axudas que reciben os medios para normalizar o galego sirvan para algo? Está disposto a garantir que os nenos e as nenas non perdan o galego na escola?
A portavoz do BNG tamén reprochou a falta dunha programación infantil e xuvenil na TVG atractiva e actualiza, “ seguen emitindo debuxos animados do século XX para rapazas e rapaces do XXI”.
Nunca pensei que lle diría isto, pero en materia lingüística representa vostede un “retroceso en relación aos gobernos de Fraga”.
Sr. Feijóo: “Renegar da nosa lingua é renegar deste país, así que, pídolle que non renegue de Galiza”, concluíu.