Ana Pontón exixe accións máis contundentes contra Israel que camiñen para poñer fin ao xenocidio en Palestina

Manifestación contra o xenocidio

A portavoz nacional do BNG sinalou que é o Estado de Israel constitúe unha ameaza para a paz, que non só está cometendo un atentado contra os dereitos humanos en Palestina, senón que está escalando o conflito e se está a converter nun perigo a nivel internacional

Pontón sinalou que estas mobilizacións deixan clara a solidariedade que hai en Galiza co pobo de Palestina

O Bloque Nacionalista Galego participou este domingo na manifestación nacional “Galiza con Palestina”, convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina. Unha mobilización convocada un ano despois que dese comezo o xenocidio por parte do Estado de Israel cara o pobo palestino, “desencadeando nunha situación crítica e cunhas consecuencias, desde o punto humanitario, dramáticas” advertiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Estamos falando de que neste ano, o Estado de Israel asasinou máis de 41.000 persoas en Gaza, a maioría deles nenos e nenas. Neste momento hai miles de persoas desprazadas e nunha situación que é insoportable desde o punto de vista humanitario, sinalou Pontón, porque hoxe na Franxa de Gaza “están morrendo nenas e nenas por fame e están morrendo nenos e nenas por falta de auga potable”. E salientou que ante esta realidade tan dura “non podemos mirar para outro lado e é importante que toda a comunidade internacional se mobilice”.

Manifestación contra o xenocidio

Para Ana Pontón estas mobilizacións deixan clara a solidariedade que hai en Galiza co pobo de Palestina, pero tamén destacou que “é o momento de que se dea algún paso máis”, porque agora mesmo o Estado de Israel “é un Estado que constitúe unha ameaza para a paz”, que non só está cometendo un atentado aos dereitos humanos en Palestina con ese xenocidio, senón que está escalando o conflito e se está convertendo, por tanto, nun perigo a nivel internacional.

Dende o BNG reclaman que haxa accións máis contundentes, accións que camiñen para poñer fin ao xenocidio e que haxa paz en Palestina. Os nacionalistas demandan que o Estado español, así como a Unión Europea, deben proceder ao embargo de armas e á ruptura de todas as relacións diplomáticas e económicas con Israel. Isto quere dicir que non se pode permitir ningún tipo de actuación que signifique amparar as políticas de guerra ou xenocidio e a vulneración dos dereitos humanos e do dereito internacional que neste momento se está producindo en Palestina.

GZM4Q_lWEAAFVmF

Pontón exixe que se apliquen as sancións que aprobou a ONU en contra de Israel porque estas son medidas que poden frear unha guerra que xa ten provocado “un dano grandísimo”.

Novo crime machista

Ana Pontón tamén condenou o asasinato machista que se produciu onte no noso país. “Xa somos moitas as que sentimos a indignación de ver como se seguen asasinando a mulleres polo simple feito de selo” apuntou. Trasladarlle todo apoio e cariño á familia en este momento tan duro.

O BNG reivindica que é necesario máis medios, máis recursos e máis feminismo en todos os lugares e todos os días do ano para evitar que se sigan cometendo estes crimes en contra das mulleres.