Declaración do BNG ante a escalada da situación no Oriente Medio
Como organización que se define como antiimperialista e antibelicista e que defende a solidariedade entre os pobos como piar da convivencia e a paz mundial, o BNG reitera a súa máis enérxica condena ante o programado desterro e exterminio do pobo palestino perpetrado polo Estado de Israel desde o primeiro momento da súa fundación hai 76 anos. Exterminio que se exacerbou e acelerou no último ano, transformándose nun xenocidio sen paliativos centrado sobre todo na Faixa de Gaza mais, atinxindo tamén a Cisxordania con máis de 40.000 persoas mortas, das cales unhas 16.500 son crianzas, e outras 100.000 persoas feridas e mutiladas, ademais de millóns de civís desprazadas repetidamente a supostas ‘zonas de seguridade’ e condenadas a sobreviviren en condicións infrahumanas, presas da fame e das enfermidades e onde tampouco están a salvo de ataques por parte do goberno de Israel.
O sionismo polo que se rexe o goberno israelí é unha ideoloxía racista, recoñecido como tal desde 1975 na Resolución 3379 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, inherentemente supremacista, colonialista e expansionista. Desde o principio e a actual recruar dos bombardeos contra o Líbano vén despois doutros ataques alén das súas fronteiras, como o ataque aéreo israelí que destruíu o consulado de Irán na capital siria de Damasco. Até agora, os ataques contra a pobo libanés, que xa vive nunha situación precaria, xa se saldaron coa morte de máis de 700 persoas e o asasinato de dirixentes da resistencia palestina en Irán e no Líbano. Todo isto supón un inminente risco dunha perigosa conflagración que ameaza con estenderse a toda a rexión, sendo especialmente preocupante a invasión terrestre do sur do Líbano que comezou na madrugada do 1 de outubro.
Nesta espiral de violencia desempeñou historicamente e segue a desempeñar un papel facilitador a denominada “comunidade internacional”, nomeadamente coa complicidade necesaria dos Estados Unidos, a OTAN e a Unión Europea, incluído o Estado español.
Ante esta traumática situación de proporcións catastróficas para os pobos palestino e libanés que afecta a zona enteira do Medio Oriente así como o resto do mundo, o BNG comprométese a seguir demostrando a súa solidariedade cos pobos palestino e libanés mediante a súa participación nos actos que se desenvolven ao longo de todo o país desde hai un ano, defendendo o dereito do pobo palestino a dispor dun estado propio e esixindo o cesamento inmediato das agresións israelís e a procura activa dunha solución pacífica e negociada. Así mesmo, demandamos a suspensión inmediata e total da venda e subministración de armamentos e outros materiais precisas para a súa fabricación a Israel por parte dos todos os estados membros da Unión Europea.
O BNG chama á participación masiva do pobo galego na manifestación nacional convocada en Compostela baixo o lema “Galiza con Palestina” o próximo domingo, día 6 de outubro con saída desde a Alameda ás 12 horas.
Palestina vencerá!
Solidariedade cos pobos palestino e libanés!