A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón traslada por carta a Feixóo cinco propostas para loitar contra a crise do coronavirus para liderar unha “ saída socieconómica xusta” para o sector do mar.
Para o BNG, a Xunta e o goberno central deben actuar de maneira coordinada para garantir “unha saída xusta” e nesta liña, as cinco medidas do BNG reclaman: “Decretar o peche do marisqueo por causa de forza maior e con compensacións económicas, garantir a seguridade nos barcos, coa saída comercial do peixe descargado nas lonxas, demandar ao goberno central a rebaixa do umbral para acceder ás axudas por peche, porque o umbral do 75% deixará a moita xente fóra, poñer en marcha axudas para as confrarías co fin de garantir a súa actividade e finalmente, reclamar as modificacións necesarias para o uso dos fondos de Pesca da UE”
O BNG atende as demandas do sector do mar
Tras a reunión, por videoconferencia con diferentes representantes do sector do mar, a nacionalista urxiu á Xunta a atender as súas demandas e decretar a suspensión provisional da actividade de marisqueo ocasionada por causa maior, derivada do estado de alarma por carecer de carácter esencial e primeira necesidade.
Até o de agora non nos consta, afirma Pontón, que desde a Xunta de Galiza, e en particular desde a Consellaría do Mar se teña decretado o peche destes sectores, como fixo o Principado de Asturias, nin formalizar ningunha solicitude dirixida ao Goberno español solicitando a súa paralización.
Consideramos polo tanto que é preciso que a Consellaría do Mar actúe e se coordine co Goberno español. “Declare a paralización temporal de todas aquelas actividades nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo, e as actividades que teñan como destino fundamental do produto o sector da restauración ou non teñan saída por falta de demanda”.
Por outra parte, Pontón salienta que resulta urxente adoptar as medidas necesarias para que as persoas afectadas poidan percibir axudas que lle permitan sobrevivir e garantir a plena salvagarda dos dereitos dos profesionais do mar de Galiza, ata que poida normalizarse a situación con plenas garantías.
As actividades extractivas nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo e as
actividades que teñan como destino fundamental do produto o sector da restauración, vense claramente afectadas e con falta demanda nas lonxas, de tal modo que o produto ten que ser devolto ao mar ou, no mellor dos supostos, e en casos excepcionais, malvendelo por ausencia de compradores ou limitacións da libre competencia.
Nestes momentos, non existe demanda por non tratarse dun produto de primeira necesidade e os compradores habituais( depuradoras, restauración...) non acoden á lonxa. As escasas vendas, recalca a nacionalista, fai “insostible a actividade dende un punto de vista socioeconómico”.
Pontón tamén aludiu as dificultades de poder realizar de, xeito seguro, a actividade extractiva, garantir as condicións de seguridade e saúde, toda vez que se realiza de maneira colectiva e a escasa distancia ( desprazamentos, puntos de control, clasificación, venda en lonxa...) e as reducidas dimensións de moitas embarcacións impiden garantir que os tripulantes poidan manter medidas de protección e seguridade. Existe polo tanto “grave risco de contaxio entre os profesionais e de transmisión aos seus núcleos familiares.
Rendas baixas e falta de remanente impiden a 6.600 persoas pagar a Seguridade Social
Só no marisqueo, tanto a pé como a flote, engade a portavoz do BNG, “hai máis de 6.600 persoas, cunhas rendas baixas, sen remanentes económicos, polo que lles é practicamente imposíbel, sen ingresos, afrontar pagos como as cotas á Seguridade Social e menos atender os gastos das súas necesidades básicas”.
O BNG pide implicación á Consellería do Mar e modificar o uso dos fondos de Pesca da UE
A Consellería do Mar segue a manter as competencias para regular o sector e está lexitimada para establecer “vedas temporais ou zonais para determinadas especies e facer uso dos fondos autorizados”. Neste sentido, a portavoz do BNG reclama unha actuación urxente da Consellería do Mar de maneira coordinada co Goberno español para declarar “a paralización temporal de todas aquelas actividades nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo e insta a Xunta a adoptar estas medidas até a normalización da situación incluída a “demanda de fondos FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca)” e modificar o seu uso.