Ana Pontón: “Este domingo temos que saír masivamente á rúa para defender a nosa sanidade pública. Nin un paso atrás”

Encontro sanidade
Encontro sanidade

Criticou o deterioro da calidade asistencial, sobre todo en primaria, que non se soluciona “cos parches e as improvisacións de última hora do PP”

Mantivo un encontro con profesionais e usuarias da sanidade pública para escoitar e avaliar os seus problemas, ó que tamén asistiu Goretti Sanmartín

A portavoz nacional, Ana Pontón, reuniuse esta mañá no Parlamento cunha representación de profesionais e usuarias que viven en primeira persoa as consecuencias dos recortes e privatizacións da sanidade pública, encontro no que tamén participou a portavoz municipal en Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.

E fronte a voadura programada da sanidade pública emprendida polo PP,  a líder do Bloque instou á cidadanía a asistir á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública este domingo 12 de febreiro en Santiago de Compostela. “Deámoslle unha resposta clara e contundente a un PP que amosa con anuncios de última hora que segue na improvisación e que non ten alternativa”, declarou.

A portavoz nacional subliñou a necesidade de “saír ás rúas para defender a sanidade pública do noso País, sabendo que cando o facemos estamos loitando por un dereito fundamental: o noso dereito á saúde”.

Encontro sanidade
Encontro sanidade

Pontón recalcou tamén a importancia de reclamar os dereitos básicos dos galegos e as galegas masiva e publicamente. “Este domingo é un día para saír unidas a defender o máis importante: o dereito á saúde, o dereito a ter unha cita en atención primaria, o dereito a non ter unhas urxencias saturadas e o dereito ter un sistema que responda ás necesidades que teñen as persoas deste País. Nin un paso atrás”, concluíu.

Na xuntanza, a líder do BNG escoitou a persoas do común e traballadoras da sanidade pública que lle relataron a súa preocupación polos retrasos en atención primaria, as listas de agarda, o colapso nas urxencias ou as derivacións á privada. “O deterioro e gravísimo nunha sanidade pública que se mantén co esforzo duns profesionais exhaustos e preocupados pola  precariedade que afecta ao noso sistema sanitario, froito de 13 anos de decisións políticas de recortes do PP”.

Decisións, recalca Pontón, que teñen perigosas consecuencias na saúde dos galegos e galegas cando atopan unhas urxencias saturadas, baixas que non se cobren, PACs sen persoal médico, propostas de que o persoal de enfermería substitúa ao persoal médico, consultas a través de telepantallas, a consolidación das listas de espera en atención primaria ou miles de nenos e nenas que non teñen pediatra asignado.

En relación a isto, lembrou que “194 concellos non teñen pediatra, o que supón a ausencia destes profesionais en 6 de cada 10”.

A portavoz nacional insistiu en que “o que está a suceder coa nosa sanidade pública non é unha casualidade, é unha voadura programada polo PP, responsable de empeorar constantemente a xestión en atención primaria”, engadindo que “dende o 2009, o Partido Popular ten un recorte acumulado de 2.339 millóns de euros no investimento en atención primaria, atacando directamente ao corazón do noso sistema sanitario”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG