Ana Pontón cualifica o segundo debate dos catro machos alfa de “segunda volta en versión macarra”
Galiza, de novo ausente nun debate no que si estivo Valencia, Estremadura, Canarias, Baleares, Andalucía ou Catalunya. Tilda de bochornosa a utilización da violencia machista como “pim-pam-pum” electoral
A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o debate electoral emitido esta vez por unha canle privada “foi unha segunda volta en versión macarra na que ademais, teño que dicilo como muller, sentinme indignada de ver como a igualdade e a violencia machista se utilizaron como un pim-pam-pum entre eses machos alfa da política estatal”.
A outra cuestión criticada pola líder do Bloque é que, unha vez máis, Galiza estivo ausente e as forzas estatais demostraron que só se acordan deste país cando veñen pedir o voto en campaña.
“Falouse no debate dos problemas de insularidade en Canarias e Baleares, falouse do financiamento de Valencia, dos problemas do tren en Estremadura, de Andalucía, de Euskadi e, como sempre de Catalunya, pero para Galiza nin unha mención”, criticou.
“Nin unha palabra a pesar de que temos un retraso histórico nas infraestruturas, a pesar de ter 5.000 empregos en xogo en empresas electrointensivas por unha regulación enerxética estatal, a pesar de que nestes dez anos emigraron máis de 100.000 mozos e mozas vemos que as forzas estatais o único que queren son os nosos votos pero sen aportar solucións”, afondou Pontón.
A líder nacionalista considera que o debate demostrou unha vez máis a urxencia que ten Galiza de contar con forzas políticas propias no Congreso para ser decisiva na política de Estado.