O "silencio" de Albert Rivera é unha mala copia do que fixo Néstor Rego no debate da TVG
As redes sociais enchéronse de chios sobre a imitación do líder de Ciudadanos do recurso utilizado fai unha semana polo candidato do Bloque pola Coruña
O BNG súmase ao aluvión de comentarios cómicos subscitados pola intervención de peche do candidato por CDs, Albert Rivera, no debate emitido por TVE no “minuto de ouro” e, en particular, o seu recurso interpretativo convidando aos espectadores a escoitar “o silencio”.
Para a formación que lidera Ana Pontón a intervención de Rivera foi unha “mala copia” da que unha semana antes fixera o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, no debate da TVG entre candidatos, emitido o pasado martes 16 de Abril ás 10.00 H, nun horario nas antípodas do prime time.
Nese debate, Rego arrancou o seu minuto inicial cun silencio de 10 segundos, -xerando unha evidente expectación-, para simbolizar que así estivo Galiza durante catro anos de lexislatura, sen voz, pola discriminación das forzas políticas estatais e a complicidade dos 23 deputados e deputadas elixidas por esta circunscrición.
“Se estes dez segundos de silencio lles pareceron unha eternidade, pensen agora nos tres anos largos de silencio nos que Galiza non tivo voz en Madrid”, explicou entón Rego. Este feito non pasou desapercibido nas redes sociais que se encheron de comentarios irónicos sobre a “copia” de Rivera, e destacando que o que funcionou moi ben no caso do candidato do Bloque resultou comicamente falido co candidato de Ciudadanos.
Un “silencio” co que Rego quere acabar devolvéndolle voz propia a Galiza da man do BNG a partir do 28A, nun Congreso sen maiorías absolutas no que os escanos do BNG farán que Galiza sexa determinante no Estado. Engadimos vídeo do minuto de arranque de Nestor Rego e algúns dos chios que recollen o plaxio de Rivera.