A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, comprometeuse este luns a negociar co Goberno do Estado o traspaso e o rescate das autoestradas AP-9 e AP-53 co obxectivo, asegurou, de rematar coas peaxes. Se os galegos e as galegas lle dan a confianza para ser presidenta, Pontón proporá nos cen primeiros días de goberno a creación dunha comisión bilateral entre Xunta e Estado para abordar a situación das autoestradas galegas e por fin ao “agravio e a discriminación” que sofre o País respecto ás peaxes.
A candidata do Bloque acompañou hoxe ao condutor dun camión durante o traxecto por autoestrada entre Sigüeiro e Lalín para coñecer de primeira man os efectos da carestía das peaxes que soporta o sector do transporte e denunciar, mais unha vez, a o “sablazo” que sofren en xeral todos os galegos e as galegas ao ter que pagar, no caso concreto da AP-9, por utilizar unha infraestrutura que está “requeteamortizada”.
Pontón lembrou que nestes momentos só hai no Estado tres autoestradas coa concesión máxima permitida (75 anos) e dúas delas, a AP-9 e a AP-53, están en Galiza, o que simboliza “ata que punto os galegos e as galegas sufrimos un agravio que nos penaliza na nosa mobilidade pero tamén no noso desenvolvemento económico”, subliñou.
Un agravio que, lembrou, resulta das decisións tomadas polos gobernos do PP e do PSOE no Estado. Dende o pasado 17 de agosto, os galegos e as galegas non estariamos obrigados a pagar peaxes de non for pola decisión do Goberno de Aznar de ampliar a concesión da Autoestrada do Atlántico outros 25 anos máis, até o ano 2048.
É por iso que se comprometeu a dar neste tema “un paso adiante” para negociar co Estado a transferencia das autoestradas galegas, como xa conseguiron vascos e cataláns. No caso concreto da AP-9, considerou que o rescate é factible, “igual que se rescataron as radiais”, aínda que precisou que “hai varias vías abertas para conseguilo”.
Pontón puxo en valor o acadado até o de agora polo BNG no que se refire a bonificacións nas peaxes. Así, destacou que unha persoa usuaria que teña que circular pola AP-9 entre A Coruña e Vigo e o faga 20 veces ao mes en viaxes de ida e volta aforra, grazas aos acordos do BNG, case seiscentos euros. Na AP-53, as bonificacións conseguidas polo BNG para este ano permitirán aforros duns 200 euros para quen viaxe entre Santiago e Lalín cando un mínimo de vinte veces ao mes.
As bonificacións acadadas no acordo de investidura do BNG, afirmou, teñen xa un “impacto importante” no peto dos usuarios súper recorrentes, mais o seu compromiso e seguir traballando para conseguir “autoestradas libres de peaxes”. “É o momento de dar un paso adiante, de ter un goberno que realmente se comprometa no só a conseguir a transferencia, senón, que a transferencia sexa libre de peaxes para por fin a unha discriminación”, agregou.
Ao lado do sector do mar na manifestación do domingo
Por outra banda, Pontón confirmou o apoio do BNG e a súa asistencia á manifestación convocada este domingo en Santiago pola crise da marea plástica. “Non podemos tolerar o abandono da xente do noso mar por parte do Goberno do PP, ao que neste crise dos pellets se lle viron as costuras e nin está nin se lle espera”. Un goberno, engadiu, que chega “tarde, mal e arrastro” e repite “o mesmo protocolo infame do Prestige”, con “mentiras, ocultación, intentos de minimizar o desastre, manipulación informativa e falta de resposta”.
“Os galegos e as galegas merecemos unha presidenta que non lle minta ao País, que sempre diga a verdade”, declarou tras subliñar que o domingo estará ao lado dos traballadores do mar que levan 14 anos vendo a un goberno do PP “que abandonou ao sector”, que “non fixo nada para recuperar a produtividade das rías” e que agora se demostra incapaz de xestionar a crise da marea plástica.
“Fronte aos que fan campaña teledirixidos dende Madrid, o BNG seguirá traballando coas cousas que lle importan á cidadanía, como a AP-9 ou defender ao sector do mar”, concluíu.