Galegas 2020

Ana Pontón compromete un Servizo Galego de Benestar para que “nunca máis se faga negocio co dereito das persoas a unha vellez digna”

Celanova
Celanova

Emotivo encontro con familiares de maiores de residencias afectadas pola COVID19 e pregúntase onde esta o protocolo da Xunta para garantir que ante un rebrote non se vai repetir a situación dramática vivida nos centros da terceira idade

Propón esclarecer os fallos detectados na xestión da pandemia para corrixilos e impulsar un modelo público de coidados empezando por dotar dunha residencia pública ás cidades

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un emotivo encontro con familiares de persoas maiores usuarias de residencias afectadas pola COVID19, que lle trasladaron as súas impresións sobre a situación nas residencias coa pandemia e ás que transmitiu o seu agradecemento e afecto tras a situación vivida, moi dura, porque se algo fallou nesta crise sanitaria foi a xestión nas residencias de maiores.

Galiza ten 387.000 persoas entre 70 e 85 anos, 20.000 persoas usuarias nunha residencia da terceira idade, pero este colectivo soportou o 42% dos falecementos por COVID19, e 131 persoas faleceron na súa residencia sin ser trasladadas a ningún centro hospitalario.

“Son datos que nos teñen que levar a facer unha profunda reflexión en tres direccións, -explicou Pontón-, analizar o que pasou para detectar erros e evitar que se repitan; establecer se hoxe Galiza está preparada para que, en caso de rebrote, non volva repetirse a durísima situación nas residencias e, por último, o modelo de coidados de maiores e o modelo de servizos sociais desde o BNG pensamos debe poñerse en marcha”.

En relación ao modelo de coidados sociais que defende o BNG, parte dun principio innegociable: garantir o dereito das persoas maiores a unha vellez digna.

“Os coidados das persoas maiores non pode ser motivo de negocio nin de lucro e por iso propoñemos un modelo de residencias públicas, tanto na xestión como na titularidade, tendo en conta que en once anos de goberno o candidato do PP non foi capaz de construír nin unha soa praza pública de residencias, once anos cun presidente que dixo que iba construír residencias públicas e non fixo nin a primeira e iso é o mellor indicativo de como entende o PP a atención ás persoas maiores”, alegou Pontón.

“Queremos un modelo que garanta que se as persoas maiores teñen que ir a un centro residencial contarán cunha atención de primeira, por iso o compromiso é acabar con ese modelo privatizado e poñer en marcha unha verdadeira rede de residencias, empezando pola construción e posta en marcha de sete residencias públicas nas grandes cidades en catro anos, sete centros que serán o primeiro paso para a posta en marcha dun Servizo Galego de Benestar, -o equivalente ao SERGAS no ámbito dos servizos sociais-, para avanzar na xestión pública dos diferentes servizos: residencias da terceira idade, centros para persoas con necesidades especiais, centros de día ou o servizo de axuda ao fogar”, explico a candidata nacionalista.

Pontón cualificou o encontro cos familiares de persoas usuarias de residencias, no que tamén participou a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, como “emotivo”: “teñen o compromiso do BNG de traballaremos para que nunca máis podemos repetir unha situación así, nunca máis o dereito a unha vellez digna convertido nun negocio, aprendamos dos erros desta crise para non repetilos”.

Ademais, dentro do modelo que formula o BNG no seu programa de goberno, cada centro estará vinculado a unha área sanitaria en caso de necesitar asistencia hospitalaria e contará co suficiente persoal por residente. E tendo en conta que Galiza ten neste momento un sistema de coidados de maiores absolutamente privatizado, -das 223 residencias só 24 son públicas- seremos moi estritos á hora de vixiar que se cumpra o ratio de persoal por usuaria.

En canto os outros dous aspectos que deben formar parte da análise das residencias, analizar a xestión durante a pandemia e como estamos hoxe ante un rebrote, Pontón tamén foi contundente.

“O que nos preocupa é a situación actual, pregúntome se está Galiza máis preparada para atender aos nosos maiores nas residencias en caso dun rebrote; onde está o protocolo do Goberno galego de como actuar e tamén ignoramos se seguen en vigor as instrucións da Xunta nas que se establecía que as persoas con maior nivel de dependencia non fosen trasladadas a un centro hospitalario. Ten que haber normas claras para saber como actuar en caso de rebrote e que non volva repetirse o vivido nas residencias”, reclamou.

Finalmente, indicou, o BNG vai impulsar unha investigación no Parlamento co obxectivo de establecer que funcionou mal e tomar as medidas necesarias para que non volva repetirse, “é o mínimo que lle debemos ás vítimas e as súas familias. Estamos falando de algo tan importante como o coidado das persoas nos últimos anos da súa vida”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG