En plena xornada de mobilización en defensa da sanidade pública en Vigo, a portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse á cidade de olívica para, diante dun centro de atención primaria, expresar o apoio do Bloque á manifestación a favor dun sistema público de saúde libre de recortes e privatizacións.
“Temos que frear o plan de demolición da sanidade pública de Feixóo tanto a través da mobilización social como dando o debate político desde as institucións”, salientou Pontón, en referencia á estratexia de “acoso e derribo” á sanidade pública de doce anos de Goberno do PP con Vigo como “banco de probas”.
“As consecuencias son ben coñecidas na área sanitaria de Vigo, banco de probas da estratexia de recortes e privatizacións que Feixóo está executando desde a súa chegada á Xunta, e aí está o caso do Hospital Alvaro Cunqueiro, sinónimo de privatización, e aí está o colapso da atención primaria, que xa existía antes da COVID”, salientou Pontón, quen lembrou “a dimisión en bloque dos xefes e das xefes de servizo dos centros de atención primaria en Vigo”.
A líder do Bloque puxo especialmente o foco en Atención Primaria, “a máis prexudicada de tal xeito que, por primeira vez na historia, os e as galegas non teñen garantida a consulta presencial e hai lista de agarda até telefónica. O obxectivo de Feixóo é un 60% de presencialidade, cando noutras CCAA xa camiñan cara o 100%”, denunciou.
Pontón fixo un chamamento á mobilización desta tarde en Vigo, “porque estamos nun momento decisivo e hai que defender con uñas e dentes a sanidade pública”, en particular a atención primaria, cuns profesionais que fixeron un esforzo titánico na pandemia, “pero que están exhaustas, frustrados e que se senten maltratados. Basta xa, urxe un cambio que reverta os recortes e blinde a sanidade pública”, subliñou.
Nesa dirección de reverter os recortes, o BNG formula propostas concretas, empezando por un investimento urxente en Atención Primaria de 200 M€ que, entre outras cuestións, permitiría contratar a todo o persoal sanitario que se precisa nos centros de saúde. “É mentira que non haxa profesionais, pero hai que darlles condicións laborais dignas e estables, non queren soportar a precariedade que instalou o Goberno de Feixóo”, alegou.
Igualmente, o Bloque propón ampliar a carteira de servizos, con profesionais da saúde como psicólogas e psicólogos clínicos, fisioterapeutas, “ás que poder acudir igual que acodes ao médico de cabeceira, aos que de paso lle restarían traballo”. Recuperar as consultas presenciais sen listas de agarda para todas as persoa que o soliciten; contratar todas as prazas vacantes no SERGAS e restablecer as xerencias en Atención Primaria con capacidade organizativa e executiva.
Pontón fixo estas declaracións no centro de saúde de Rosalía de Castro xunto co portavoz municipal Xabier Pérez Igrexas e as deputadas Carmela González, Montse Prado e Alexandra Fernández.