Ante o debate dos orzamentos do Estado, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón advertiu que “estamos ás portas dun novo capítulo de discriminación e agravio con Galiza” e os intereses dos galegos e galegas quedarán fora das prioridades orzamentarias do 2019 polo que reclamou “un acordo de país” para reverter a situación.
Pontón explicou que outros países acadaron acordos para beneficiar os seus territorios e dende o BNG constatamos, dixo, que existen negociacións entre o PSOE e grupos que conforman o Congreso cara a negociación dos orzamentos pero “Galiza e os seus interese non aparecen”.
A nacionalista lembrou que durante dez anos de goberno Raxoi foron aplicados “ continuos recortazos de inversións en Galiza” presupostando orzamentos que logo non se executaban e acumulando grandes retrasos nas infraestruturas galegas. Nesta situación, manifestou, non podemos esquecer a “complicidade” do presidente da Xunta, “incapaz de defender os intereses do noso país e incapaz de poñer sobre a mesa unha axenda ambiciosa” pola súa subordinación a Raxoi, pero tamén son responsables cada unha e cada un dos representantes elixidos polas circunscricións galegas, “que van a Madrid e logo esquecen os intereses do noso país”.
Ademais de denunciar a ausencia do papel político de Galiza, a portavoz do BNG considerou que o Parlamento galego debe abordar un debate global sobre o futuro e para iso é preciso chegar “a acordos” a medio prazo e o momento debe ser o propio Debate de Política Xeral que se celebrará o vindeiro mes de outubro, neste sentido, avanzou que o BNG proporá “unha senda galega” concreta para os orzamentos do ano 2018.
PROPOSTAS DO BNG PARA UNHA AXENDA GALEGA
A portavoz nacionalista destacou entre os principais asuntos a abordar: “A transferencia da AP-9 co claro compromiso do Goberno de Sánchez que votará si á transferencia, a derrogación da inmoral prorroga de ENCE, a reclamación para beneficiarnos da produción eléctrica cunha tarifa eléctrica galega, unha axenda galega en materia de infraestruturas, porque nos últimos anos o goberno deixou de investir máis de 2.000M€ presupostados polo que defendemos un plan de investimentos extraordinario. Tampouco nos conformamos coa chegada do AVE con 30 anos de retraso”.
Asemade engadiu ás negociacións dos orzamentos “186 M€ que o Estado debe a Galiza en materia de dependencia” e a asunción por parte do Estado das obras do porto exterior da Coruña e a súas conexións ferroviarias”.
Apartado especial é o referido á loita contra a violencia machista para o que é necesario incrementar os recursos para poñer en marcha xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades galegas, reclamou.