Galegas 2016

Ana Pontón: "O BNG tende a man ás persoas desencantadas para abrir unha nova etapa o 25S"

Intervención da cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas

A nacionalista recalcou que “hai futuro” cun cambio político deseñado dende Galiza e non dende “un laboratorio ou baixo as estratexias de forzas estatais.”

A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón afirmou que “non chega con dicir que Galiza é unha nación para non cambiar nada, hai que dar un paso adiante para un autogoberno real” e tendeu a man “a todas as persoas desencantadas coa vella política de promesas incumpridas e á desencantada dos líos, as loitas de poder, os personalismos e os intereses das cúpulas”
 

O BNG tende a man ás persoas desencantadas para camiñar xuntas no cambio político do 25 S

A candidata reiterou que o BNG tende a man a todas esas persoas para “camiñar xuntas na nova etapa que necesitamos abrir a partir do 25 de setembro”. Nós, dixo, compartimos con elas o cansazo pero tamén afirmamos que contamos coa forza e a confianza dun proxecto “sólido, solvente e definido” coas ideas, alternativas e propostas para saír adiante porque hai futuro para Galiza se tomamos as decisións correctas para un cambio político no noso país.

A candidata do BNG afirmou que ese cambio só é posible, se é pensado “dende Galiza e non deseñado nun laboratorio nin ao servizo de ningunha forza estatal”.

O BNG aposta por políticas innovadoras que defenden os sistemas produtivos galegos

Na presentación da candidatura do BNG pola provincia de Ourense, a candidata nacionalista á presidencia da Xunta de Galiza anuncio que o BNG leva no seu programa o apoio aos sectores produtivos, como fixemos, “cando tivemos responsabilidades de goberno”. Ademais poremos en marcha políticas innovadoras que impulsen un contrato de sustentabilidade con axudas para as persoas que viven no rural que se comprometan a “conservar e custodiar o territorio”, así como apostar por unha nova política forestal como a que defendeu no Goberno da Xunta o ex-conselleiro do BNG, Alfredo Suárez Canal.

A candidata tamén avanzou outras medias como un cambio no financiamento que dote a Galiza da autonomía integral invertendo o modelo no que o Estado recada todos os impostos e decide en que se deben investir. Dende o BNG defendemos que os galegos e galegas poidamos recadar os nosos impostos con capacidade regulatoria para crear “unha fiscalidade xusta” porque, explicou, cada ano o Estado recada en Galiza 3.000M€ máis dos que logo se invisten. Con tres mil millóns máis mellorariamos a sanidade e a educación, atenderíamos a dependencia e crearíase emprego para a xente, en troques de seguir financiando institucións caducas como “a Casa Real, o Exercito e mesmo a caixa B do Partido popular”.

Noa Presas: “Estas non son unhas eleccións máis”

A cabeza de lista pola provincia de Ourense, Noa Presas, tras loubar o traballo parlamentario da deputada do BNG Tereixa Paz, asegurou que as eleccións do 25 S “non son unhas eleccións máis, o nacionalismo debe ser determinante para condicionar cambios profundos”. Neste contexto, dixo, non abonda con xestionar ben. Estamos nun momento no que se abren debates como o estatus que debe ter Galiza e resulta fundamental que estean as voces nacionalistas para condicionar os debates do futuro parlamento galego.

A candidata denunciou que a provincia de Ourense conta coa poboación máis envellecida, máis emigración, falta de creación de emprego, menor natalidade e líder en destrución de sistemas produtivos. "Esa análise está feita polo nacionalismo dende hai tempo” e as estatísticas nos dan a razón sobre as políticas que durante anos condenaron a nosa provincia polo que apelou a un cambio político o 25 de setembro para subverter esta situación

Noa Presas recalcou que os homes e mulleres que artellan o proxecto do BNG foron un exemplo, onte e hoxe e “as políticas do nacionalismo teñen que ver con mellorar as condicións de vida das persoas”, a nosa prioridade é combater as inxustizas endémicas dos centros de decisión, e de maneira especial con Ourense.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG