Galegas 2016

Ana Pontón: " O BNG ten programa e equipo para gobernar Galiza"

Presentación da candidatura en Lugo

A candidata do BNG  á presidencia da Xunta de Galiza criticou o “marco” creado polo Partido popular que  impide que sexan escoitadas as propostas do BNG  pero no BNG, afirmou  temos “programa e equipo para gobernar este país” e promover  "cambios que acaben coas tendencias do envellecemento, o despoboamento e  os baixos salarios"

No acto de  presentación da candidatura do BNG pola provincia de Lugo, a candidata nacionalista manifestou que o BNG presenta unha candidatura con persoas de diferentes ámbitos, implicadas coa cultura e lingua galega, os servizos públicos e que defenden o futuro no medio rural. Neste sentido, propuxo a creación dun “contrato de sustentabilidade” con axudas para aquelas persoas que viven no medio rural e ademais da súa actividade agraria, se comprometan a “conservar e custodiar o territorio”. O abandono non é sostible, engadiu, porque provoca “pobreza, lumes e o arrase dunha boa parte do noso país.

O 25 de setembro vaise abrir unha nova etapa política en Galiza, afirmou e dende o BNG “queremos ser a chave e motor dese cambio”. Eu quero unha Galiza onde os nenos e nenas vivan mellor que os seus país, non quero o país que o PP nos deixa en herdanza no que as novas xeracións teñen “salarios máis baixos e precariedade laboral”. Nós confiamos en que unha terra rica ten futuro para a xente de aquí e de acollida para outras persoas, “esa é a Galiza pola que o BNG quere traballar”.
 

Muras, concello gobernado polo BNG pioneiro en abaratar a luz

A candidata lembrou que “por primeira vez” hai unha iniciativa nun concello gobernado polo BNG para que os veciños e veciñas podan beneficiarse do prezo da luz porque producen enerxía. O que está en marcha no concello de Muras, explicou “querémolo para toda Galiza, para as empresas e as familias porque é indecente que nun país excedentario de enerxía haxa persoas que pasan frío por non poder pagar o recibo ou empresas como Alcoa con vaivéns e riscos polo prezo da electricidade”. Si os galegos e galegas producimos enerxía non temos porque pagar o custe de trasladala a outros territorios.
 

O BNG ten programa e equipo para gobernar Galiza

Na súa intervención, a candidata do BNG  á presidencia da Xunta de Galiza criticou o “marco” creado polo Partido popular que  impide que sexan escoitadas as propostas do BNG como a do contrato sustentable, o aproveitamento da enerxía a favor de Galiza, loitar contra a precariedade, desenvolver a innovación ou apostar polo noso tecido produtivo porque o único que lles interesa transmitir e que non hai alternativa.Eu quero dicirlle aos galegos e galegas que no BNG temos “programa e equipo para gobernar este país” e promover os cambios que acaben coas tendencias do envellecemento, o despoboamento, os baixos salarios e o abandono do país”.

Olalla Rodil: “ O BNG presenta unha  candidatura e proxecto político de futuro para Galiza”

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Olaia Rodil afirmou que o BNG representa “unha alternativa distinta á Galiza que nos deixa o Partido popular durante estes sete anos e medio”.

A candidata recalcou que o BNG “é garantía para botar ao Partido popular da Xunta” e representa un proxecto a longo prazo, un proxecto “serio, rigoroso e que parte do coñecemento da realidade da poboación galega”.

Olalla Rodil defendeu outro modelo de financiamento “máis xusto para Galiza” e que as persoas que vivan na Ribeira de Piquín, en Quiroga, ou en Ancares teñan as mesmas oportunidades que as que viven na cidade de Lugo. “Queremos deixar de ollar para o noso monte con medo” e para iso é necesaria unha ordenación territorial e unha política para o monte como recurso deixando fora o eucalipto, mobilizando terras fronte os propietarios absentistas e sobre todo, a intervención pública para previr incendios en inverno.

A cabeza de lista por Lugo confiou en que o 25 de setembro se converta “nunha oportunidade” para comezar a trazar a Galiza do século XXI, “máis democrática, xusta, equitativa e solidaria” e o BNG é a única forza política que representa ese futuro.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG