A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou este martes Pontevedra para presentar aos deputados e ás deputadas electas do BNG por esta provincia, un acto que aproveitou para agradecer á toda a veciñanza da cidade do Lérez e a súa comarca a confianza recibida nas pasadas eleccións. “O País xa cambiou e hai tendencias de fondo que apuntan a que o BNG é a referencia do cambio en Galiza”, afirmou.
A líder nacionalista subliñou así os “resultados históricos” acadados polo Bloque, que superou de media o 32 % do voto nesta zona do País, superando incluso o 45 % dos votos no Concello de Soutomaior, o 37 % en Pontecesures ou o 34 % na propia cidade de Pontevedra. Un caudal de confianza que, segundo asegurou, reforza ao Bloque como alternativa clara de futuro, obxectivo para o que traballará “con máis forza e empeño que nunca” aportando solucións aos principais retos pendentes.
Pontón comprometeuse cos pontevedreses e as pontevedresas a levar ao Parlamento todos os problemas que afectan á cidade e aos concellos da comarca e, neste sentido, avanzou que entre as primeiras iniciativas que o BNG vai presentar está a ampliación do Parque empresarial do Campiño en 400.000 metros cadrados, tal é como solicitou hai un ano o goberno local, tendo en conta que este polígono está practicamente ao límite da súa capacidade.
“Estamos ante un asunto fundamental para evitar un parón na actividade económica, xa que non está Galiza para perder nin un só proxecto empresarial porque non haxa solo para acoller eses proxectos”, subliñou, advertindo de que nin Galiza nin Pontevedra se poden permitir que diminúa a súa capacidade de xerar riqueza e emprego “pola incapacidade do PP”.
De aí que a creación de solo empresarial figurará entre as primeiras iniciativas do Bloque para Pontevedra e comarca, remarcou Pontón, que anunciou tamén que a recuperación produtiva e ambiental das rías, incluíndo a dragaxe da canle e desembocadura do Lérez tras quince anos de parálise por parte do PP, será prioridade para os deputados e as deputadas electas por Pontevedra.
A portavoz nacional engadiu que, grazas a que grupo parlamentario do BNG saíu reforzado o 18F, contará con máis medios para abordar todas as cuestións vinculadas a Pontevedra e comarca, entre as que mencionou tamén a defensa da sanidade pública ou a mellora das infraestruturas e a mobilidade, con proxectos estratéxicos como a variante de Alba ou a variante do Vao.
“Temos un grupo reforzado por Pontevedra que nos vai permitir traballar con máis ganas e máis medios para aportar solucións e mellorar a vida da veciñanza desta cidade e do conxunto da comarca”, concluíu, remarcando o labor de “oposición construtiva e en positivo” do Bloque.