A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Lugo con motivo da celebración do San Froilán, para non faltar a unha cita importante para a cidade e compartir coa veciñanza tradicións tan asentadas como a visita ás casetas para degustar o clásico gastronómico do polbo á feira, como fan miles de lucenses durante estes días e para desfrutar do ambiente da festividade.
“O San Froilán forman parte da miña biografía porque cando vivín en Sarria era unha festa que non me perdía e hoxe estou encantada de poder compartir esta celebración que, ademais, está sendo un éxito que demostra o gran esforzo que hai detrás da súa organización”, indicou.
Pontón desexou unhas “moi boas festas” a toda a veciñanza e a todas as persoas que visiten a cidade ao longo destes días, ao tempo que puxo en valor todo o traballo que hai detrás “e que serve para seguir impulsando Lugo, porque ese é o obxectivo de toda a acción de goberno do BNG desde o Executivo desta cidade, demostrando a súa capacidade para poñer en marcha outras políticas diferentes”, indicou, subliñando como exemplo todo o proceso de peatonalización que se está levando a cabo na urbe das murallas.
“E non é unha actuación illada nin puntual, porque o Bloque ten un proxecto para que esta sexa unha cidade na que se camiñe máis, na que se gane máis espazo para o público e para as persoas, na que se avance en dinamismo económico”, recalcou a líder nacionalista, “e o que levamos feito ao longo deste mandato é un exemplo do que pode facer un goberno do BNG”
Nestes sentido, expresou o seu “orgullo” polo traballo do grupo municipal desde o Goberno do concello baixo o liderado de Rubén Arroxo, “e temos moito máis que aportar para que Lugo siga avanzando e desenvolvendo todo o seu potencial e toda a súa capacidade”, indicou Pontón.
Pontón estivo acompañada por responsables políticos, militancia e simpatizantes e polo propio Arroxo, quen destacou que esta edición do San Froilán está batendo cifras de asistencia a un Lugo “que está de moda”, como demostra tamén o gran número de visitantes durante os meses de verán.