Día da Patria Galega

Ana Pontón apela á rebeldía e a forza da mocidade para seguir sumando no BNG de cara ao cambio galego de 2024

Acto Galiza Nova
Acto Galiza Nova

Atribúe á xente moza un papel protagonista nos históricos resultados do 12X que mostran a súa vocación de ser o motor dunha nova Galiza

Anima Galiza Nova a seguir sumando máis xuventude ao proxecto do Bloque traballado desde os principios, con diálogo, integración e realismo

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de homenaxe de Galiza Nova a Rosalía e Castelao, que aproveitou para agradecer o masivo apoio da mocidade ao BNG expresado nas urnas o 12 de xullo apoio, recalcou, que tivo un peso decisivo no histórico resultado electoral da formación.

Ao empuxe da xente moza apelou Pontón para conseguir o cambio galego en 2024. “Quero agradecer a vosa confianza e quero deixarvos claro o compromiso de que non vos imos fallar nin escatimar esforzos e talento para seguir sumando máis xente moza, que é o mesmo que  seguir sumando rebeldía, entusiasmo, ilusión para en 2024 facer posible o voso mandato: abrir un tempo novo en Galiza no que vós, a mocidade deste país, sexades a protagonista”, proclamou.

Durante o acto en Santo Domingo de Bonaval, Pontón salientou a claridade coa que a xente moza expresou a súa confianza no BNG “para empezar a construír unha Galiza na que vivir, na que traballar, na que divertirse, na que poder facer realidade as súas esperanzas, as súa metas”, explicou, e deixar atrás un guión que lles reserva menos oportunidades que as que tiveron as xeracións precedentes.

Acto Galiza NovaO papel protagonista que o Bloque atribúe á mocidade terá reflexo nun grupo parlamentario que integra a cinco dos deputados e deputadas máis xoves da Cámara na vindeira Lexislatura. “Porque para construír a Galiza que queremos necesitamos á mocidade, precisamos da vosa folla de ruta, da vosa ambición, das vosas ganas, talento e mesmo da vosa anticipación”, alegou a portavoz nacional.

Pontón comprometeu catro anos de traballo “arreo” para demostrarlle á xente moza “que o BNG está ao seu lado para ofrecerlles un futuro cargado de esperanza, onde non ter que escoller entre a precariedade ou a emigración”, ao tempo que pedía a Galiza Nova seguir sumando máis mozos e mozas ao proxecto que representa o Bloque.

“Fai un ano pedíavos que sumásedes máis mocidade a Galiza Nova e ao BNG e hoxe  estamos nun gran momento para facer posible esa suma, con xenerosidade e coa man tendida, sen renunciar aos nosos principio,  porque sen eles non seriamos nada, pero con amplitude de miras, con vocación inclusiva, tendendo pontes, con pedagoxía para unir a toda a xente nova que comparte o amor por Galiza e as ansias de cambiar todo o que non nos gusta”, apelou.

Para a líder nacionalista “son milleiros” os mozos e mozas dispostas a defender o seu futuro da man dunha forza que está do seu lado, “nas aulas, nos centros de traballo, nos colectivos sociais, deportivos, veciñais, nas redes sociais, e temos o reto de chegar a elas e eles explicando que o futuro témolo que construír desde aquí e que temos un proxecto moderno, aberto, plural,  innovador, sustentable, feminista”.

Pontón concluíu reiterando o seu “orgullo” por unha mocidade que acaba de demostrar que quere ser o motor do cambio político,  “xente moza na que vexo talento, capacidade, ilusión e ganas de avanzar, de vivir nunha Galiza de cores, de oportunidades, de dereitos. Fostes o motor do histórico resultado electoral e ides ser a enerxía e a forza que nos faga imparables coa mirada posta en 2024, porque son tempos dun nacionalismo optimista, que mira con confianza o futuro porque imos na boa dirección”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG