Ana Pontón apela a un novo modelo de “monte multifuncional” que respecte o medio ambiente e acorde coas necesidades do País

Ana Pontón cos representantes dos montes en man común
Ana Pontón cos representantes dos montes en man común
Traslada á Organización Galega de Montes, o apoio do BNG á súa Iniciativa Lexislativa Popular cara unha nova Lei de Montes Veciñais en Man Común

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu o desenvolvemento en Galiza dun “novo modelo de monte funcional”, respectuoso co medio ambiente e en consonancia coas necesidades do País.

Así o manifestou a líder nacionalista logo do encontro que mantivo con representantes da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), na que analizaron as súas propostas de cara ao novo marco lexislativo galego para os montes en man común que será tramitado no Parlamento galego.

Despois do encontro -no que tamén participaron os portavoces parlamentarios de Montes e Agricultura, María Albert e Mini Rivas, respectivamente- Pontón confirmou o apoio do BNG á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que presentará a ORGACCMM de cara á próxima tramitación da Lei de Montes Veciñais en Man Común.

A portavoz nacional do Bloque insistiu na necesidade de defender o monte comunal nun momento no que resulta imprescindible “mirar para o medio rural e o seu sector agrario” e no que, segundo recalcou, é necesario un “cambio de modelo forestal”.

Neste sentido, salientou que esta Iniciativa Lexislativa Popular nace precisamente para “responder ás agresión do monte comunal galego por parte do Partido Popular” co que cualificou de “medidas destinadas a privatizar o noso monte entregándollo ás grandes empresas e continuar deste xeito cunha política de reforestación e eucaliptización en Galiza”.

Pontón incidiu en que o modelo do PP representa un “problema ambiental” e “resta toda a capacidade do monte galego”, polo que avogou por un cambio lexislativo como o que propón a Organización Galega de Comunidades de Montes na súa ILP, baseado na “defensa de todos os valores do monte comunal” e na necesidade de poñer en marcha ese novo modelo de monte multifuncional que aproveite toda a súa capacidade e sexa respectuoso co medio e concordante coas necesidades do noso país.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG