Ante a convocatoria das eleccións o 12X, aportavoz nacional do BNG Ana Pontón, afirma que “nada vai evitar abrir un tempo novo en Glaiza que nos permita devolverlle a esperanza a todos os galegos e galegas”.
“Antes desta crise era urxente un cambio en clave de país, agora é máis necesario que nunca porque temos que reconstruír Galiza e non pode facerse da man de vellas e fracasadas políticas que recortaron a sanidade, fixeron negocio coa atención das persoas maiores, precarizaron o emprego, provocaron a fuga de cerebros e non foron capaces de poñer a producir o enorme potencial que temos en Galiza”.
Dende o BNG, dixo, ofrecemos novas ideas para enfrontar unha situación nova, e o 12X podemos deixar atrás un “goberno absolutista e negativo para Galiza”. Un goberno, que coa súa política de recortes e privatizacións deixou a Galiza máis indefensa ante a pandemia, con 210.000 autónomos nunha profunda crise económica, 225.000 traballadores en ERTEs e ás persoas usuarias das residencias desprotexidas ante a COVID-19. Un goberno, que nun momento de incerteza e dor prefire “agocharse detrás do mando único e da pantalla da TVG”.
A nacionalista explicou que a situación excepcional que estamos vivindo conleva unha campaña electoral diferente e anunciou que o BNG primará o debate de propostas para devolverlle aos galegos e galegas a esperanza.
Sabemos que a reconstrución económica ten que ser a prioridade, e a nosa aposta é “un gran acordo para levantar Galiza”. Hai que poñer en marcha un país novo no que ninguén quede atrás, priorizando o emprego, a sanidade pública, a aposta estratéxica pola ciencia e investigación e unha Galiza máis forte, con máis autogoberno, para ter máis ferramentas e capacidade á hora de construír benestar e igualdade.
Exixe pluralidade nos medios públicos e rematar cos “mitins encubertos de Feixóo na TVG”
A portavoz do BNG criticou a sobreexposición de Feixóo na TVG durante estes meses e exixiu pluralidade ao medios públicos porque a campaña electoral do 12X,explicou, non será igual a ningunha outra. Neste sentido, reclamou poñer fin “ao uso partidista do candidato do PP na TVG”, un uso que cualificou de “obsceno e antidemocrático” dende a declaración do estado de alarma. Pontón lembrou que Feixóo acaparou desde o 14 de marzo, “1.634 minutos de emisión en directo na TVG. O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura”.
Na súa comparecencia, a líder do BNG insistiu que esta campaña debe ser a campaña “dos debates” cunha TVG imparcial que ofreza unha cobertura informativa máis ampla e para iso propuxo a celebración na canle pública dun “debate a dobre volta” cos candidatos e candidatas á presidencia da Xunta das forzas políticas máis representativas, ampliar os espazos de información electoral nos medios públicos, recuperar os debates de cabezas de lista provincias e ampliar as entrevistas na Radio Galega e TVG con dúas entrevista a cada forza política.
O BNG propón un único mailing
Na súa intervención, Pontón tamén se referiu a que é necesario que as papeletas cheguen a todos os domicilios para o que propuxo “un mailing único”, coa información electoral e as papeletas de todas as forzas políticas. Isto, dixo, “permitiría un aforro moi importante de recursos públicos que se poderían destinar a medidas de seguridade na campaña e á xornada electoral”.
A Xunta, engadiu a portavoz nacionalista, debe facer un protocolo e poñer os medios que garantan unha xornada electoral segura para as persoas que estarán nas mesas e para as irán a votar.
O cinismo de Feixóo é a marca da casa
Ante as declaracións de Feixóo afirmando que hai que reducir a intensidade da campaña, Pontón reiterou que o candidato do PP leva en campaña dende o 14 de marzo utilizan do a TVG para facer “mitins encubertos” e afirmou que “o cinismo de Feixóo é a marca da casa” do PP.
En total, explicou, o candidato do PP, o señor Feixóo, leva “31 mitins encubertos en horario de máxima audiencia da televisión pública”, convertida máis que nunca en “TeleFeijóo” con 1.634 minutos de pantalla. Se a situación non fose tan grave, diría que resulta cómico ver a quen leva dous meses de campañas, usando de xeito descarado os medios públicos, dicindo agora que reduce a intensidade.
Espero que Feijóo non queira unha campaña “amordazada” e furtándolle aos galegos e as galegas o dereito ao debate, ao contraste e a pluralidade política, concluíu.