A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada e responsable de Relacións Internacionais do Bloque, Ana Miranda, encabezan a delegación do Bloque que participará na asemblea xeral da ALE, partido ao que pertence. Asemade, tamén asistirán dous membros da Fundación Galiza Sempre (FGS), como son María do Carme García Negro, representante da Fundación no Consello Científico Asesor da Coppieters Foundation, e Uxío Breogán Diéguez representante da FGS na Coppieters Foundation.
Nesta asemblea da ALE, que se desenvolverá ao longo do venres e o sábado na cidade alemá de Landshut, debateranse tres mocións presentadas polo BNG, a inclusión de Galiza no corredor atlántico europeo -que será defendida por Ana Pontón-, a situación do acordo de pesca con Marrocos, -que o Bloque pide que sexa coa República saharauí-, e a situación do pobo kurdo en Afrin, Siria.
Trataranse asemade temas de gran actualidade, como o Brexit e a situación de represión e recorte de dereitos e liberdades no Estado español. Por outro lado, debaterase un manifesto de preparación das vindeiras eleccións europeas de 2019, ao que o BNG tamén presentou diversas emendas.
A ALE, creada en 1981, está formada por 43 partidos políticos que defenden a autodeterminación en Europa. Precisamente esta característica outórgalle unha gran relevancia no panorama político actual, no que o dereito a decidir é considerado como un valor indisociable da democracia fronte á restrición de dereitos e liberdades que se está producindo nalgúns Estados Membros da Unión Europea.