Galegas 2016

Ana Pontón afirma que o sector do libro é "un motor económico clave" en Galiza

Aan Pontón e o viñetista e ilustrador, Kiko da Silva

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza,Ana Pontón visitou hoxe a Feira do libro que se está a celebrar na cidade da Coruña onde reivindicou unha Mesa do Libro representada polo sector e a administración e máis recursos para o sector

Visita á feira do libroNa súa visita á Feira do Libro da Coruña, Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza afirmou que o sector do libro precisa “un maior apoio por parte das institucións públicas” despois de quedar “moi tocado tras os continuos recortes durante sete anos do goberno Feijóo”.A nacionalista lembrou que hai unha lei que non se aplicou e un decreto contra o galego que afectou gravemente ao sector, un sector, dixo, “clave para o ámbito cultural galego” e motor económico que xera gran número de empregos.

Os fondos destinados a compra de libros, explicou, foron reducidos nun 70% e o 40% no apoio á promoción da lectura cando en Galiza rexistramos un dos índices máis baixos de todo o Estado español en lectura e moi por debaixo das medias europeas.

O BNG propón unha Mesa do libro representada polo sector e a Administración

 

 Ante os medios de comunicación, a candidata do BNG anunciou tres medidas de impulso: “unha Mesa do libro con representación do sector, a administración e os sectores implicados, incremento de recursos, como mínimo duplicando os fondos, e recuperar as políticas de normalización lingüística coa elaboración dun novo decreto para o ensino en galego”.Neste sentido lembrou que o peso e volume do libro de texto representa o 50% dentro do sector e os recortes nesta materia supuxeron un “importante retroceso” no libro galego.

Os incendios teñen responsabilidade política

 A candidata do BNG trasladou o seu apoio ás familias que estes días foron desaloxadas pola proximidade dos lumes e o recoñecemento a todas esas persoas que están ao servizo da extinción de incendios “a maioría das veces, dixo, en condicións precarias e sen dotación” e a pesar diso, “xogan a vida” para evitar un desastre maior do que se está producindo.

A nacionalista manifestou que resulta triste escoitar ao presidente da Xunta afirmando que a culpa é do vento, da seca e dos incendiarios. Para a candidata do BNG esas causas son responsables dos incendios pero tamén son “responsables os que podendo tomar medidas para minimizar o impacto dos incendios fan todo o contrario”. Nestes últimos anos,engadiu, todas as iniciativas do Partido popular “van na dirección de que sexa máis fácil queimar o monte, que non exista prevención e estimular a propia industria do lume”. Cando se facilita que se reclasifiquen terreos queimados e intereses escuros tras os incendios dos montes é como “botarlle máis gasolina ao incendio”.

Feijóo, dixo Pontón debería recoñecer a súa responsabilidade e non colocarse “de perfil” porque o único que nos está a demostrar é que “o goberno galego non serviu para nada”. Para o BNG o importante agora é dotar aos servizos de extinción e un cambio na política forestal.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG