A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fai un chamamento á loitar de xeito firme e real contra a corrupción, xa que segundo un informe elaborado polo grupo Verdes-ALE (do que forma parte o Bloque), as prácticas corruptas supoñen un custe á Unión Europea de 904.000 millóns de euros anuais.
“Os Estados, e en concreto o español, non poden seguir mirando cara outro lado, e desde o BNG instamos a que a Comisión Europea revise as prácticas dos Estados Membros contra a corrupción”, salienta Ana Miranda, quen considera “vergoñenta” o custe da corrupción no Estado español, que o informe cifra en 90.000 millóns de euros anuais.
A eurodeputada do BNG lembra que xa en 2017 a propia Comisión Europea alertou do impacto sistémico da corrupción na economía, que é considerada como xeneralizada polo 95% da cidadanía. “Que sexa un problema europeo do que ningún país se libra non significa que no Estado español non se produza unha situación tremendamente preocupante, xa que presenta unhas cifras tremendamente altas que lastra a recuperación económica e o investimento en servizos públicos”, apunta Miranda.
Neste sentido, a eurodeputada nacionalista e membro da Comisión de Asuntos Xurídicos, presentou unha batería de emendas ao Informe sobre as Investigacións levadas a cabo pola Oficina Europea Anti-Fraude (OLAF) co obxectivo de que os fondos europeos sexan controlados de forma máis rápida e transparente.
Medidas concretas
Ana Miranda defende a posta en marcha de “medidas concretas”, entre as que destacan o incremento do financiamento das actividades de loita contra a corrupción, o reforzo da Fiscalía Europea, así como a intensificación da cooperación entre a OLAF e o Fiscal Europeo mediante o aumento das reunións periódicas para tratar as investigacións en curso e identificar tendencias posibles vencellos entre casos diferentes.
Ademais, entre propostas presentadas polo Bloque tamén figura a necesidade de garantir a máxima protección para denunciantes, periodistas e ONG que investigan os casos de corrupción.
O informe “O custe da corrupción en Europa”, publicado polo grupo Verdes-ALE con motivo da conmemoración o domingo 9 de decembro do Día Internacional Contra a Corrupción, pode consultarse na seguinte ligazón.