A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo unha primeira valoración ao proxecto de que a ría do Burgo se financie mediante o desvío de fondos inicialmente correspondentes á EDAR de Santiago. Para Miranda, esta proposta significa por unha banda, que desde que a Comisión de Peticións tratou o saneamento das rías en 2013 o Estado español e o goberno galego non fixeron nada e considera “lamentable a escaseza de investimentos para saneamento nos OXE para 2019”
“Pero ademais, vemos como a iniciativa de ámbalas dúas administracións é tan pobre que consiste en eliminar os orzamentos necesarios nun Concello para investilo noutro lugar”, denuncia a eurodeputada do Bloque, quen salienta que o saneamento da ría do Burgo “non se pode facer sobre anuncios triunfais”, xa que “concretamente, a cantidade do investimento prevista para sanear a Ria do Burgo, pasa de 1 a 8 millóns de euros”.
Segundo valora Ana Miranda, “trátase dunha cantidade claramente insuficiente para realizar os investimentos necesarios, tal como lembrou o Informe do Parlamento Europeo de 2013”. Ao respecto, lembra que este informe recomendaba ao Estado e ao Goberno galego realizar un plan de rexeneración da ría que incluíra o dragado, retirada, limpeza e tratamento dos lodos, así como desenvolvendo medidas de mellora da calidade da auga e tratamento das partes contaminadas.
Perda de actividade económica
A eurodeputada do BNG, que conseguiu que se reabra e revise o informe da Eurocámara sobre os rías galegas -e que vai tratarse o vindeiro luns 21 de xaneiro-, lembra que durante o período 2014-2020 os investimentos foron "ridículos", mentres os bancos marisqueiros seguen tapados polos lodos.
“Nestes anos temos que lamentar a redución dunha parte do cultivo coas conseguinte perda de postos de traballo no marisqueo e perda da actividade económica na comarca”, sinala o exdeputado no Congreso e actual cabeza de lista do Bloque ás eleccións municipais na Coruña, Francisco Jorquera. O candidato nacionalista demanda un “compromiso claro e inequívoco coa ría do Burgo para a súa rexeneración”, xa que considera que “non é de recibo” que por un lado se consigne unha partida orzamentaria ano tras ano e a ría do Burgo siga sen sanear e por outro agora se faga a costa da EDAR de Santiago.
Pola súa banda, Goretti Sanmartín, portavoz do BNG en Santiago, sinala que a proposta de orzamentos constata que o propio Estado asume que Santiago “non vai recibir os fondos europeos, algo que o BNG vén denunciando desde hai tempo pola inacción de Compostela Aberta, responsábel de que continuemos a contaminar o Sar”.
“Os cero euros orzamentados para Vigo amosan a nula intención do goberno do Estado de completar o saneamento da nosa ría”, sinala o candidato do BNG á alcaldía viguesa, Xabier Pérez Igrexas, quen lembra que os aliviadoiros que existen son os mesmos que había hai anos, polo que os vertidos e a contaminación seguen existindo