A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que a devolución do pazo de Meirás, recollida na sentenza do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña, debe ir acompañada ineludiblemente da ilegalización da fundación Franco e ser incluída na nova Lei de Memoria Histórica. Miranda subliña que o Estado español debe dar cumprimento á Resolución contra o avance do fascismo en Europa, aprobada na Eurocámara o 25 de outubro de 2018. “Dous anos despois da aprobación desta resolución europea vai sendo hora de ilegalizar esta fundación”, salienta.
Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa explica que o artigo 20 da Resolución –da que Miranda é coautora- urxe aos Estados Membros a prohibir as asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É inadmisible que siga existindo unha fundación que fai apoloxía da ditadura, é unha anomalía democrática”, subliña Ana Miranda, quen lembra que precisamente a fundación Franco xestionou a visita realizada ao pazo de Meirás por parte dunha delegación de eurodeputados en maio de 2018.
Ademais, o BNG denuncia a “vergoñenta existencia de outras fundacións de carácter franquista”, como son a Fundación José Antonio Primo de Rivera, a Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, a Fundación Blas Piñar, a Fundación Hijas de Millán Astray, a Fundación Ramiro Ledesma Ramos, a Fundación Serrano Suñer e a Fundación Capitán Cortés. “Estamos diante dunha anomalía democrática que só existe no Estado español que cómpre corrixir”, insta Miranda.
Máis de 40 anos de reclamacións
”O Pazo de Meirás é do Pobo”. Por fin este lema está máis perto de ser unha realidade, pero aínda queda moito traballo que facer na recuperación da memoria histórica, no fin da impunidade franquista e na devolución dos bens incautados durante a ditadura, como a devolución da Casa Cornide”, destaca Ana Miranda.
Neste sentido, lembra que xa son máis de 40 anos de reclamacións, de investigacións e de loita continuada na rúa e nas institucións,e recoñece o traballo do BNG tanto desde a Deputación da Coruña como no Parlamento Galego, no Congreso e no Parlamento Europeo. Así, a portavoz do BNG en Europa recoñece o traballo incansable dos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez, da exvicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín, dos 19 de Meirás e o traballo social en prol da memoria histórica dos grupos memorialísticos.