A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que aínda quedan “pasos para aclarar as causas últimas” do accidente do Alvia en relación a petición realizada polo Goberno estatal á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) para que complete a súa investigación sobre o accidente, despois de que no mes de outubro a propia CIAF rexeitase a reapertura do informe técnico.
A eurodeputada nacionalista, que é a única denunciante por procedemento de infracción contra o Estado español por vulneración da normativa comunitaria de seguridade ferroviaria, agarda que no 2019 haxa avances neste sentido “que supoñan xustiza para as vítimas do accidente de Angrois e consolo para os seus”.
Precisamente esa denuncia, presentada en xullo de 2017, está pendente de resposta pola Comisión Europea e foi o executivo comunitario quen se comprometeu coa eurodeputada do BNG a preparar un novo informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) para avaliar a transposición da normativa na actualidade.
O primeiro informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) de xullo de 2016, cuestionaba a investigación feita pola CIAF española, xa que consideraba que non se realizara unha investigación independente do accidente a avaliación, polo que para Ana Miranda “e moi pertinente que a CIAF teña que completar a súa investigación .
Ao respecto Miranda lembra a comparecencia do xefe da unidade de Seguridade Ferroviaria, Christopher Carr, na Comisión de Investigación do Congreso, quen criticou a falta de independencia do informe da CIAF -xa que nel participaron os por entón directores de Seguridade de Renfe e Adif, Antonio Lanchares e Andrés Cortabitarte- e asegurou que era “demasiado frouxo".
Seguridade integral
“Que nese momento o xefe de Seguridade da ERA pedira unha nova investigación do accidente significa que o BNG non estaba moi desencamiñado á hora de presentar a denuncia contra o Estado por vulneración da normativa comunitaria”, destaca Miranda, quen recorda que a normativa comunitaria esixe que o Estado español debía ter velado porque RENFE e ADIF aplicaran obrigatoriamente as medidas necesarias de control de riscos, coa responsabilidade de que houbera unha explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos creados nel, tal como esixe a Directiva Marco de Seguridade Ferroviaria de 2004 e o Regulamento do Método Común de Seguridade de 2012.