O BNG expresa a súa condena do acto violento contra a casa consistorial do Concello de Baralla e expresa a súa solidariedade coa veciñanza deste municipio.
Merece a nosa condena máis rotunda e o repudio máis explícito, expresou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, máxime de confirmarse que se trata dun atentado. No mesmo sentido, o portavoz nacional, Xavier Vence, tamén expresou en nome do Bloque a condena dos feitos sufridos en Baralla a través da súa propia conta de twitter: Lamentable e condenable o acto violento contra a sé do Concello de Baralla. O BNG condena este acto irresponsable e solidarizase coa veciñanza.
Ante a posibilidade de que a orixe do suposto atentando fosen unhas declaracións do rexedor de Baralla, -declaracións que cualificou de auténtica apoloxía do terrorismo-, Jorquera deixou claro que ese camiño non ten xustificación algunha, indicando que hai outros métodos pacíficos e democráticos para contestar manifestacións tan execrables coma esas.
Pola contra, argumentou, o que están conseguindo cunha acción deste tipo é que un señor que xustificou aos verdugos en cambio agora se erixa en vítima.
Evitando polémicas estériles, Jorquera concluíu reiterando en nome do BNG o noso rexeitamento máis rotundo a todo tipo de acción violenta como a que estamos a comentar.