Congreso

Caravana do BNG para reivindicar a mellora das estradas do Estado en Lugo

Campaña Lugo
Campaña Lugo

O acto simbólico realizado polo BNG enmárcase dentro da campaña “Arranxo XA das nosas estradas” que reclama ao Goberno do Estado maior compromiso con Lugo en infraestruturas viarias esenciais.

Rego: “O Goberno do Estado debe realizar as actuacións precisas para mellorar o firme e garantir a seguranza en vías como a A-6, N-VI, N-540, N-640 e N-120”

O Bloque Nacionalista Galego levou a cabo un acto reivindicativo para demandar a mellora das infraestruturas viarias de titularidade estatal ante a falta de compromiso e de investimento por parte do Goberno do Estado. No marco da campaña institucional e social impulsada polo BNG –“Arranxo XA das nosas estradas”, a organización nacionalista reclamou ao Ministerio de Transportes, cunha caravana de vehículos que partiron de Lugo até Becerreá, levar a cabo as actuacións precisas para mellorar o firme e mellorar a seguranza viaria, revertendo o actual estado de autovías como a A-6 ou as N-VI, N-540, N-640 e N-120.

Unha caravana de vehículos partiu da cidade de Lugo até o concello de Becerreá para demandar do Goberno do Estado maior compromiso e investimento para reverter a situación actual de abandono das infraestruturas viarias da súa titularidade ao seu paso polos concellos lucenses. A través da campaña “Arranxo XA das nosas estradas” impulsada polo BNG, a organización procura o arranxo destas infraestruturas a través de iniciativas institucionais acompasada co apoio social.

O tenente de alcalde da cidade de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que as comarcas lucenses sofren illamento “con serios problemas de comunicación, tanto a nivel ferroviario como por estrada”. A día de hoxe, explica Arroxo, só ten a A-6 mais non ten rematada a autovía que conecta coa capital galega nin a que vai cara Ourense. “O propio estado das estradas que temos é bastante lamentábel causando problemas de comunicación mais tamén problemas de seguranza” denuncia o tenente de alcalde.

“A A-6 e as N-VI, N-540, N-640 e N-120 son infraestruturas esenciais e estratéxicas para garantir o desenvolvemento social e económico das comarcas lucenses. Porén, o estado actual deixa moito que desexar e mesmo diminúe a seguranza viaria en estradas polas que circulan diariamente centos de vehículos” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego, ademais, evidencia a necesidade de que haxa un maior investimento nestas estradas ao carecer dun medio de transporte como o ferroviario que permita vertebrar e conectar o territorio.

“Queremos demandar a implicación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel para que se comprometa a realizar, de forma urxente, as actuacións precisas para a mellora do firme destas autoestradas e estradas para garantir a seguranza de todas as persoas usuarias” avanza Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG