parlamento galego

Ana Pontón avanza que o BNG vai levar ao Parlamento unha Lei do Viño que apoie aos produtores e produtoras e impulse o sector

Feira Viño Vilachá
Feira Viño Vilachá

A portavoz nacional destaca a excelente calidade dos caldos da Ribeira Sacra nunha visita á XXXI Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou este domingo na celebración da XXXI Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, cita na que destacou a excelente calidade dos caldos da Ribeira Sacra e que aproveitou para avanzar que o BNG vai presentar no Parlamento unha Lei do Viño de Galiza, co obxectivo de apoiar aos produtores e ás produtoras e dar ao sector o impulso que precisa.

O proxecto de lei no que traballa o BNG formará parte dunha batería de iniciativas en defensa dun sector “clave para o desenvolvemento do rural” pola súa capacidade “para xerar riqueza e emprego, para fixar poboación e para preservar o territorio”, asegurou Pontón, quen avogou por un novo marco legal que apoie a produción vitivinícola e fomente os procesos de innovación, industrialización e comercialización do viño.

A líder nacionalista propuxo ademais reactivar as mesas do viño como “ferramenta” que permita mellorar a comunicación entre os profesionais vitivinícolas e a Administración para, de maneira conxunta, abordar os problemas e atopar as mellores solucións para un sector que a día de hoxe ocupa a 100.000 viticultores e move arredor de 200 millóns de euros ao ano no País. Considerou así mesmo necesaria a recuperación dos contratos homologados para garantir prezos xustos aos produtores e produtoras.

Pontón tamén apuntou ao Parlamento Europeo, onde a través da PAC se toman decisións que afectan de cheo ao futuro do sector. De aí que, ante a proximidade das eleccións europeas, subliñase a importancia de seguir tendo unha voz galega en Europa da man do BNG e coa candidata Ana Miranda “que a partir do próximo 9 de xuño teña máis forza para poder defender os intereses do sector vitivinícola galego e do conxunto do País”.   

Pontón percorreu a feira do viño, onde visitou as adegas e saudou xs colelleiteirxs e á veciñanza, acompañada polo alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e outros representantes do BNG na comarca e noutras zonas enmarcadas na Ribeira Sacra, onde hai rexistradas case 2.000 persoas viticultoras repartidas en 89 adegas, cun volume de negocio en torno aos 19 millóns de euros.

Trátase dunha feira de gran tradición que se celebra nas Adegas de Vilachá, un conxunto etnográfico de gran valor patrimonial e paisaxístico que a líder nacionalista tamén puxo en valor e que segundo afondou o alcalde da localidade, “é o escaparate que amosa a viticultura que se está a facer neste recuncho da Ribeira Sacra”, pero tamén un certame que “amosa a etnografía e a paisaxe que crean os propios colleiteiros que hoxe están expoñendo aquí os seus produtos”, unha paisaxe que considerou especialmente importante manter “se queremos que esta zona se considere Patrimonio da Humanidade.

“Nós temos que apoiar a estes pequenos emprendedores e que isto anime a que a xente siga vindo ao rural e que vexa que a produción de viño en Vilachá constitúe unha oportunidade económica e, polo tanto, tamén de asentamento de poboación no rural”, concluíu Maceda.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG