Reapertura da comisión de investigación das caixas, ante novos indicios delictivos dos ex directivos

JORQUERA  E MONTERO IRREGULARIDADES CAIXAS AFORROS 2

O BNG vai solicitar a reapertura inmediata da comisión parlamentaria de investigación das extintas caixas de aforro, tras recibir documentación que apunta novas presuntas ilegalidades por parte de directivos da entidade.

En concreto, a información entregada pola CIG atribúe á familia Méndez a compra-venda de inmobles, -pisos, garaxes e locais-, propiedade da Corporación Caixa Galicia por debaixo do prezo de taxación, en operacións que ascenden a 1,8 millóns de euros, a última das cales se tería levado a cabo apenas días antes da fusión das antigas caixas por importe de 680.000 euros.

Na comparecencia conxunta co portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, o secretario de CIG banca, Clodomiro Montero, salientou que a documentación foi remitida ao sindicato “dun xeito anónimo” e inclúe escrituras notariais, taxacións, e anotacións en conta das que se desprende que a Corporación Caixa Galicia, -con José Luís Méndez López como presidente e o seu fillo, José Luis Méndez Pascual, como conselleiro delegado-, vendeu propiedades por debaixo do prezo de taxación a Rosa Pascual, cónxuxe do que fora director de Caixa Galicia durante 29 anos, tras unha previa separación de bens. Segundo se deduce da documentación.

Montero subliñou que como sindicato non ten capacidade para probar a veracidade desta documentación, “non podemos solicitar os orixinais dos documentos”, explicou a modo de exemplo, pero os indicios de estar ante unha actuación ilícita son suficientes para que, “con total respecto á presunción de inocencia”, a CIG tomase a decisión de trasladar a información que obra no seu poder a todos os grupos parlamentarios, para que sexa analizada pola comisión de investigación das caixas.

Para o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, “estamos ante indicios claros de que houbo feitos delitivos gravísimos, en definitiva, inmobles propiedade da Corporación de Caixa Galicia son vendidos a muller do señor José Luís Méndez López por debaixo do prezo de taxación, e tras previa separación de bens, con perdas para a entidade, nun momento en que estaba en pleno proceso de fusión”.

Por esta razón solicita a reapertura da comisión de investigación, ante a que debe comparecer José Luís Méndez, o seu fillo como conselleiro delegado, e o representante da Xunta na Corporación Caixa Galicia. “A propia Comisión de Investigación pode poñer esta documentación en mans da Fiscalía, como fixo o Parlamento de Catalunya na investigación análoga por presuntas prácticas delitivas con Caixa Cataluña”.

Montero que considera que é o Parlamento galego quen debe analizar a documentación na comisión, pero non descarta entregar a documentación á Fiscalía se o PP bloquea a convocatoria da Comisión de investigación. “A Comisión pode solicitar toda a información que considere necesaria para comprobar a veracidade desta documentación”, concluíu Jorquera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG