parlamento galego

PP rexeita no Parlamento reforzar o cadro de persoal no servizo de Oncoloxía do CHUS como reclama o BNG

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira advirte da “dramática situación” que sofren as pacientes oncolóxicas da área de Santiago e Barbanza, con meses de atraso nas citas

O PP rexeitou no Parlamento a proposición non de lei do BNG para que a Xunta dimensione de xeito urxente e adecuado os cadros de persoal de todas as categorías de Oncoloxía do CHUS, realizando as contratacións que sexan oportunas, e acometer unha mellor planificación da actividade asistencial para evitar atrasos nas consultas e revisións que non atendan a criterios clínicos.

O PP vetou a iniciativa nacionalista pese a que a deputada Iria Carreira advertiu da “dramática” situación que sofren as pacientes oncolóxicas da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, dada a acumulación de “meses de atraso” nas súas citas de revisión, contrarias a calquera criterio clínico ou sanitario e que teñen repercusións sobre a súa saúde, tal e como denuncian as propias doentes, que mesmo acudiron á Valedoría do Pobo “ante o desleixo da xerencia da área sanitaria e do Sergas”.

Carreira explicou na comisión parlamentaria de Sanidade que estas demoras tamén se estenden ás probas diagnósticas para controlar a evolución das patoloxías destas pacientes, probas coas que se comproba por exemplo a diminución ou medre dun tumor e que son moi importantes na toma de decisións terapéuticas.

Diante desta situación, a portavoz de Sanidade Hospital recalcou as consecuencias obvias para a saúde física das doentes polas propias características da patoloxía e tamén polos tratamentos, con fármacos que poden ter efectos secundarios que cómpre vixiar. Mais tamén consecuencias sobre a súa saúde mental, con angustiosas esperas por unha cita de revisión, “coa incerteza de non saber como evoluciona a súa saúde”.

“Chove sobre mollado”, recriminou Carreira ao PP logo de advertir que as denuncias polas condicións da atención que reciben as pacientes oncolóxicas “veñen de tempo”. “Doentes que agardan horas para poderen recibir o seu tratamento de quimioterapia intravenosa porque non hai enfermeiras suficientes para poñeren o tratamento, ou doentes que teñen que agardar para recoller a medicación oral na consulta de farmacia pola sobrecarga que se dá tamén nesta consulta, totalmente infradotada”, afondou.

Neste sentido, tamén lembrou que xa hai un ano que o BNG levou ao Parlamento a denuncia desta situación, agudizada naquel entón pola situación de sobrecarga  do persoal facultativo, que asumía a realización de gardas e reforzos de área médica no Hospital do Barbanza pola falta de especialistas en Medicina Interna neste centro hospitalario, “coa sobrecarga consecuente para as facultativas e os trastornos no servizo á hora de cubrir os descansos regulamentarios”, recalcou.

A deputada nacionalista explicou que todo isto é consecuencia do “desmantelamento que se vén dando na sanidade pública”, cuns cadros de persoal no caso do servizo de oncoloxía que non responden ás necesidades que ten a día de hoxe. “Porque falamos da escaseza de oncólogas que ten o servizo, cunha rateo de pacientes por profesional abrumadora, pero falamos tamén da escaseza de enfermeiras, auxiliares ou farmacéuticas, un persoal que se mantén deliberadamente na precariedade, cunha sobrecarga laboral importante, e que está a asumir nas súas costas o deterioro da sanidade pública por mor das políticas do Partido Popular”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG