parlamento galego

O Bloque volve reclamar no Parlamento a intervención pública de Alcoa e que a Xunta participe na operación con capital propio

Daniel Castro
Daniel Castro

Castro lamenta o voto en contra de PP e PSOE e advirte que a multinacional “fai e desfai como quere mentres os gobernos miran para outro lado”

O deputado da Mariña Daniel Castro volveu defender este xoves no Parlamento a intervención pública de Alcoa por parte do Estado, así como a participación da Xunta na operación mediante capital propio para asegurar o poder de decisión do Executivo galego no futuro da empresa.

“Non hai ningunha norma que o impida e por iso non se entende que nin o Goberno español nin o galego consideren vital a factoría de aluminio, a única que queda no Estado, e sigan preferindo que empresas foráneas fagan e desfagan á súa vontade”, asegurou respecto á proposta do BNG o deputado nacionalista, que instou ao Executivo central e ao da Xunta, que ten competencias en industria, a “non mirar para outro lado” e a actuar xa para resolver un conflito que se prolonga dende hai catro anos e que leva aos traballadores e traballadoras de Alcoa a ver “cada vez máis negro o seu futuro”.  

Castro, que lamentou o voto en contra do PP e do PSOE á súa iniciativa, levou a situación de Alcoa unha vez máis á Comisión de Industria despois de que a empresa fixese unha nova proposta “que volve confirmar a súa mala fe” cunha “nova fraude aos acordos acadados por todas as partes e que supón un novo ERE encuberto”, deixando ademais “totalmente desprotexidos” aos traballadores e traballadoras das auxiliares.

“Non estamos a pedir nada fóra do común, porque o propio goberno entrou no accionariado de Celsa e no de Telefónica e porque un goberno que está nas antípodas do BNG como é o italiano interviu a planta siderúrxica de ArcelorMitall”, asegurou Castro na súa intervención durante a primeira reunión da Comisión de Industria celebrada nesta lexislatura.

Ademais da intervención pública e a participación da Xunta, a proposición non de lei do BNG, que incluía unha autoemenda, reclamaba realizar o hipotético proceso de venda a través da Sepi, así como exixir a Alcoa o cumprimento dos compromisos e inversións previstos no acordo asinado en febreiro de 2023, no que se incluía a construción do forno de ánodos e a continuación da súa execución, “independentemente de que se estea comezando un proceso de venda da planta”.

“Non queremos deixar pasar ningún tipo de responsabilidade a unha empresa que tantas veces xogou cos traballadores e traballadoras, e o que é peor, cos gobernos”, advertiu Castro, lembrando que foi o PP quen privatizou a empresa.

Durante o debate da proposición non de lei e as emendas presentadas, o representante nacionalista da Mariña subliñou que para resolver a situación de Alcoa é preciso tamén actuar sobre os altos custes da enerxía eléctrica, e de aí que o BNG defende a creación dunha tarifa eléctrica galega.

Lembrou, así mesmo, as iniciativas presentadas polo Bloque no congreso para, entre outras cuestións, modificar o estatuto do consumidor electrointensivo e crear a figura das empresas hiper-electrointensivas, garantir a máxima compensación por CO2 permitida en Europa, articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía ou eliminar da factura eléctrica os custos de peaxes e cargos asociados ao transporte poloa proximidade dos centros de consumo aos centros de produción.

  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG