BNG entra na recta final para aprobar candidatura e programa electoral para as Europeas

Agora repúblicas
Agora repúblicas

O Consello Nacional do BNG aprobará a vindeira semana na reunión do 27 de abril o programa electoral e a candidatura ás eleccións europeas do 9 de xuño, despois de ter finalizado a consulta á militancia a través das asembleas comarcais en toda Galiza. O obxectivo é que Galiza volva ter voz propia no Parlamento Europeo pero con máis forza, ofrecendo á cidadanía unha candidatura do BNG coa que espera superar amplamente o resultado colleitado hai cinco anos.

Unha cita coas urnas á que concorrerá repetindo fórmula electoral baixo a coalición instrumental Agora Repúblicas, xunto con ERC (Catalunya) e EH-Bildu (Euskadi), formacións ás que se suma Ara Més (Baleares). A formación nacionalista volve optar pola coalición instrumental como vén facendo desde hai dúas décadas, tendo en conta que son uns comicios de circunscrición única en todo o Estado.

Nesta ocasión o BNG ocupa o terceiro lugar dentro da coalición fronte ao quinto posto que lle correspondeu nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, un cambio significativo que se produce despois do histórico resultado acadado nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro, nas que o Bloque obtivo case 500.000 votos.

Como tamén é habitual, o BNG presentará en Galiza unha candidatura propia que os galegos e as galegas poderán votar o 9 de xuño e igualmente desenvolverá unha campaña netamente galega ao longo e ancho do País para trasladar tanto o traballo feito na Eurocámara en defensa Galiza ao longo dos últimos cinco anos de lexislatura, como as principais liñas de traballo e propostas de futuro en defensa dos intereses do País, en particular en sectores como pesca e agricultura, onde as decisións que se adoptan en Bruxelas teñen un gran impacto.

Ademais das forzas xa mencionadas, Agora Repúblicas tamén conta co apoio de formacións políticas doutros territorios como Canarias ou Asturias que van pedir o voto para a coalición aínda que non estarán integradas na mesma.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG