365 días contra todas as violencias
Visibilizar > denunciar > erradicar
Nos últimos tempos, avanzamos na visibilización dalgunhas violencias machistas grazas ao traballo mobilizador e concienciador dos diferentes movementos de mulleres. Porén, non é suficiente, temos que seguir avanzando na rúa e nas institucións. Cómpre continuar este traballo e rachar coa imaxe interesada que beneficia o patriarcado de que xa é suficiente porque temos un marco legal máis amplo que anos atrás, por exemplo. Ademais, é urxente visibilizar todo tipo de violencias, desde a física, a psicolóxica, a presión estética, a violencia obstrética e os tratos inadecuados no marco da sanidade até a violencia económica. Non existe unha soa maneira de vérmonos prexudicadas polo patriarcado e somos as mulleres quen máis pagamos a crise do sistema e o empeoramento das condicións de vida das clases populares. Somos nós quen neste contexto de emerxencia social ocupamos as peores taxas de desemprego e precarización, lideramos as contratacións parciais e padecemos a desigualdade salarial. Por exemplo, en todo o ano 2015, unhas 120.000 non tiveron un emprego, o 30,9% dos contratos temporais a mulleres duraron menos dunha semana e mantívose a fenda salarial nuns 4.432 euros ao ano de media.
A todo isto, hai que engadir a maioría dos traballos non asalariados que ocupan as mulleres, consecuencia das situacións de dependencia familiar e da falta de recursos públicos das políticas privatizadoras do PP en todas as institucións. Até a ONU recriminou ao Estado español no seu informe anual o impacto desproporcionado da austeridade sobre as mulleres.
Para todas estas cuestións, as institucións poden e deben axudar a responder e a paliar as súas consecuencias. Por iso, desde o BNG demandamos que o goberno galego promova, en diálogo coas organizacións sociais, medidas para contrarrestar a violencia económica sobre as mulleres e cuestións concretas como a rescisión dos contratos da Xunta coas empresas que non cumpran a igualdade salarial e laboral entre homes e mulleres.
Queda moito por facer e a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política para todos os espazos da actividade política e social. Por iso, tendo sido importantes a Lei Orgánica 1/2014, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, despois de anos de aplicación, son insuficientes en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos. Por iso, cómpre avanzar e mellorar os marcos legais e realizar un labor preventivo e educativo maior.
Ante a gravidade do problema consideramos fundamental a inclusión do Feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres e que serva de base para a elaboración dun Estatuto de vítima de Feminicidio. Doutra banda, a resposta fundamentalmente penal diante deste problema tense demostrado como insuficiente, polo que é preciso avanzar no apoio económico, psicolóxico e social así como na prevención e na educación da sociedade a este respecto.