365 días contra todas as violencias, do abstracto ao concreto

Aquilo que non se nomea, non existe. Por iso, desde o BNG insistimos en que para desmontar as agresións do patriarcado un paso imprescindíbel é o de visibilizar. Non podemos acabar cun dos maiores problemas que debemos superar como sociedade se non o facemos visíbel e se non o denunciamos en todos os foros co obxectivo de poñerlle punto e final. Máis aínda, nas organizacións e na sociedade, non podemos avanzar se non cuestionamos constantemente cales son as violencias que nos afectan e como combatelas para actualizar e mellorar a resposta da que precisan.

Por iso, parte da nosa responsabilidade como activistas no día a día radica en combater o espellismo da loita contra as violencias coma un feito conseguido. É certo que datas coma o 25 de novembro se foron consolidando como fixas nos calendarios e que levan a institucións, colectivos, centros de ensino, telexornais, etc a dedicarlle un tempo ese día, mesmo esa semana ou ese mes e que sen ser suficiente, suma. É certo que nas últimas décadas houbo avances no marco legal e que aínda que haxa que amplialos, suman. Todas estas cuestións son certas, poderiamos enumerar moitas máis e aínda que non sexan suficientes debemos poñelas en valor porque son avances conseguidos paso a paso co esforzo das feministas en todos os espazos. Porén, tamén é certo que debemos pular por ir máis alá.

É necesario romper co espellismo instalado na sociedade que leva a pensar maioritariamente que a loita contra a violencia botou a andar e cómpre só agardar. A priori existe un consenso político e social contra a violencia. No abstracto, todo o mundo está contra a violencia e así o recollen leis, declaracións, programas de goberno, etc. Porén, é practicamente imposíbel ter unha conversa sobre a concreción na que haxa ese mesmo consenso, sexa á hora de lexislar, de decidir como educar ou de ter unha conversa no bar. É difícil que pase coa forma máis extrema de violencia contra as mulleres, canto máis con outras formas de violencia que a acompañan. Por exemplo, pouco consenso social ou institucional existe arredor dunha violencia clave por afectar ao dereito á independencia de calquera muller, a económica. A violencia económica ten múltiples caras, desde ser unha arma empregada en procesos de ruptura de parellas á desigualdade salarial. Somos nós, neste contexto de emerxencia social, quen ocupamos as peores taxas de desemprego e precarización, padecendo a desigualdade salarial e ocupando a maioría dos traballos non asalariados consecuencia das situacións de dependencia familiar e da falta de recursos públicos. Isto tamén é violencia. Que Baltar ofreza un posto de traballo a cambio de sexo e continúe como representante público tamén é violencia. Que un home viole a unha muller é violencia, que a policía nos diga que non saiamos de casa de noite, tamén.

Cómpre ir da condena en abstracto ás actuacións concretas, repasar todas e cada unha das violencias que nos afectan e reclamar, da sociedade e das institucións, visibilización e actuacións. O combate da violencia machista ten que ser permanente e non pode descansar na cerimonia dos 25 de novembro ou teremos fracasado. O pasado abril o BNG conseguiu o apoio da Cámara para que as vítimas de terrorismo machista poidan acceder ao chamado salario da liberdade ao longo de todo o ano, mudando a situación anterior, na que a liña de axudas para as mulleres que sofrían violencia de xénero estaba limitada a unha convocatoria con un período de tempo pechado. Conseguiuno despois de moita insistencia, no final da lexislatura. Unha resposta concreta desde a administración á que o Partido Popular podía ter accedido moito antes. O pasado día dez de novembro foi a primeira vez que unha muller interviu no discurso de investidura no Parlamento Galego e sinalou como o candidato da forza maioritaria non usara nin un minuto para un dos problemas máis importantes que temos como sociedade. Se non falamos do moito que nos queda por facer a respecto de todas as violencias, dificilmente poderemos avanzar. Isto requirirá tamén de autoesixencia nos espazos políticos para inzar as rúas este 25 de novembro e para intervir en todos os espazos onde se toman decisións que facilitan ou dificultan a esas violencias seguir existindo. Camiñemos do abstracto ao concreto, sen restar relevancia a ningún paso, ocupando todos os espazos e sentindo sempre que non é suficiente para seguirmos avanzando.